Máis de 300 quilos de molusco interceptados a furtivos en Moaña
Máis de 300 quilos de molusco interceptados a furtivos en Moaña
Houbo tres operativos esta semana e hai preocupación por un grupo reincidente de Poio
Dous dos máis grandes operativos desenvolvéronse na praia da Xunqueira en Moaña, onde a Garda Civil detectou a madrugada do xoves cinco veciños de Poio, da zona do Vao, vellos coñecidos das forzas da orde. Tiñan 245 quilos de molusco ilegal entre ameixa e berberecho.
Xa foran detidos a principios desta mesma semana na parroquia moañesa de Domaio polo mesmo motivo.
No segundo operativo da praia da Xunqueira a mesma madrugada, o gardacostas da confraría detectou outro vehículo sospeitoso con roupa de mergullo e os policías locais atoparon na area varios sacos de marisco con outros setenta quilos de marisco. Algúns destes furtivos tomaron logo café nun local próximo á praia onde moitos mariscadores están indignados con estas actitudes. Neste caso só puideron deter un furtivo, natural de Asturias.
Os furtivos de Poio son reincidentes e mesmo teñen unha orde de afastamento das praias da ría de Pontevedra. Segundo algunhas mariscadoras as forzas da orde alertáronas do perigo destes individuos.