Publicador de contidos

Publicador de contidos

A UE afronta a negociación da pesca para 2026 cun escenario máis favorable no Atlántico que no Mediterráneo

A UE afronta a negociación da pesca para 2026 cun escenario máis favorable no Atlántico que no Mediterráneo

España ve marxe de acordo nas augas atlánticas pola estabilidade das propostas

O Mediterráneo concentra a maior polémica polos días de faena e polas novas esixencias

G24.gal 10/12/2025 16:45 Última actualización 10/12/2025 22:43

Os ministros de Pesca da Unión Europea negocian en Bruxelas as posibilidades de pesca para 2026 nun escenario no que a Comisión Europea prevé unha negociación máis sinxela no Atlántico e máis complexa no Mediterráneo, onde España identifica os principais obstáculos.

Bruxelas propón manter a cota da pescada e baixar peixe sapo e xurelo

As delegacións analizan as capturas permitidas para 2026 nas augas comunitarias do Atlántico, así como para 2027 e 2028 nalgúns casos. Segundo fontes diplomáticas, a proposta comunitaria presenta un marco relativamente estable, con reducións inferiores ao 20 % e con varias poboacións incluídas en plans multianuais.

En augas ibéricas, Bruselas propuxo manter os niveis de pesca da pescada e aplicar baixadas moderadas no peixe sapo (-2 %) e no xurelo (-5 %). España vixía especialmente a situación do abadexo, do linguado e do lagostino no golfo de Cádiz e tentará rebaixar os recortes previstos.

Unha proposta para o Mediterráneo que España cualifica de inaceptable

A negociación complícase no Mediterráneo, onde a Comisión Europea propón que cada buque español poida saír pescar 9,7 días ao ano en 2026, unha redución do 64 % respecto dos 27 días inicialmente previstos para 2025. Ese límite pode aumentar se se aplican medidas que protexen o ecosistema mariño, pero o mecanismo de compensación cambia de maneira significativa respecto do pactado para este ano.

O acordo alcanzado en 2024 permitía elixir entre diversas medidas para incrementar os días de pesca e aproximarse ás 100 xornadas anuais. A proposta para 2026, en cambio, obriga a aplicar todas as medidas dispoñibles para superar ese número, algo que fontes diplomáticas consideran imposible de cumplir.

Ademais, algunhas das medidas xa se aplicaron este ano, outras son novas e outras deben executarse doutro xeito. As fontes puxeron como exemplo o uso dunha rede que en 2025 achega vinte días adicionais e que en 2026 só permitiría sumar tres.

As mesmas fontes cualificaron a proposta comunitaria de “moi mala” e advertiron de que limitar a actividade a 9,7 días é inaceptable para España, que defende que o sector realizou un esforzo significativo que debe recoñecerse.

Coordinación con Francia e Italia

España mantén contactos con Francia e Italia para aliñar posicións, dado que a proposta do Mediterráneo tamén afecta ás súas frotas. O obxectivo é defender intereses comúns e garantir que o traballo desenvolvido polo sector se traduza nun número razoable de días de pesca en 2026.

O Goberno español tamén mostra desacordo con que a especie máis vulnerable do Mediterráneo condicione o resto das capturas previstas para o próximo ano.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade