Máis de 1.500 persoas visitan os dous buques da armada atracados en Vigo
A fragata Blas de Lezo e o buque de aprovisionamento Cantabria estiveron a fin de semana na cidade
Despois dunha fin de semana abertos ao público, a fragata Blas de Lezo e o buque Cantabria pecharon as súas portas. Máis de 1500 persoas visitaron as embarcacións en dous días.
Estaban atracadas no peirao de transatlánticos de Vigo dende o sábado, para ser testemuñas da xura de bandeira civil que se celebrou neste mesmo lugar.
Hai longas ringleiras para acceder ao buque de guerra. A visita á fragata antiaérea Blas de Lezo é guiada por persoal da armada. Hoxe os civís aprenden que esta embarcación ten vinte anos de historia dura e perigosa.
Como as outras catro F100 que ten o exército, esta fragata escolta e protexe outros barcos vulnerables e defende os espazos marítimos de soberanía nacional e dos países aliados nas misións da OTAN.
Un centro de operacións militares ten altos segredos. Desde aquí loitaron contra a piratería en Somalia, o terrorismo en Iraq ou o narcotráfico no Caribe.
Aínda así moitos quedan fascinados coas estancias que lles permiten visitar como o quirófano, o castelo de mando ou o pañol de torpedos.
Tamén lles ensinan que o prestixio da Blas de Lezo é ter un sistema de combate e radar de gran capacidade nunha plataforma pequena e con deseño español.
"Está á cabeza de Europa neste tipo de barcos. Ten un radar aéreo moi potente, capaz de seguir moitísimos brancos, aínda que non podo dar datos concretos pero si dicir que abrangue un radio de ata cinco centos quilómetros, ten sensores antisubmarinos, sensores de superficie, e sistemas de armas para combater ameazas aéreas, de superficie contra outros barcos ou submarinas", conta o tenente de navío Juan González, o xefe de operacións da fragata Blas de Lezo.
Case todos os que visitaban a Blas de Lezo, a continuación diríxense ao buque de aprovisionamento Cantabria. Esta embarcación subministra ás outras no mar víveres, combustible, munición e calquera tipo de repostos que lle requiran.