Publicador de contidos

Publicador de contidos

Doentes galegos e cataláns proban o primeiro antiviral español contra a covid

Doentes galegos e cataláns proban o primeiro antiviral español contra a covid

Os primeiros resultados da fase II do ensaio clínico do fármaco poderían coñecerse no outono

G24.gal 11/06/2022 11:24 Última actualización 11/06/2022 15:16

Unhas 120 persoas, de Galicia e Cataluña, participan no ensaio clínico do primeiro antiviral español contra a covid. Trátase dun fármaco oral que tería uso ambulatorio e podería funcionar para todos os coronavirus.  

A iniciativa parte do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS) e do Hospital do Mar de Barcelona. Mabel Loza, unha das investigadoras que está detrás do fármaco, calcula que os primeiros resultados da fase II do ensaio poderían coñecerse no outono.

Nunha entrevista no informativo Bos Días da Televisión de Galicia, a catedrática de Farmacoloxía e responsable do grupo BioFarma da USC lembra que coa pandemia os tempos para sacar un medicamento reducíronse pero "non tanto".

O ensaio, denominado SIGMA4COVID, realízase en centros de atención primaria e tenta determinar se o remedio, aprobado pola Axencia Española do Medicamento, diminúe a carga viral na fase inicial e, como consecuencia, pode reducir o número de ingresos hospitalarios.

Segundo explica, a principal diferenza co Paxlovid, o único dispoñible para tratar a covid nestes momentos, é que ten un único principio activo e non dous. Deste xeito, cun só medicamento poderían evitarse moitas interaccións.

"Pero non se trata de competir entre fármacos senón de ter suficientes fármacos para que todos os doentes teñan acceso en equidade a un medicamento cando é necesario para o tratamento da covid", asegura.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade