Luns de sol e bochorno, antes dun cambio de tempo con chuvia e treboada a partir da noite
As máximas rozarán os 30 graos nalgúns puntos do interior, mentres que na costa o termómetro marcará 27 graos tanto no sur coma no norte
Non hai colexio e é festivo nalgunhas comunidades, o que permite alongar as vacacións con tempo de verán
Os que estiran das vacacións da Semana Santa ata hoxe van poder gozar dunha tarde de verán, con calor practicamente en toda Galicia. Sobre todo, na provincia de Ourense. Por exemplo, en Ribadavia poden chegar aos 30 graos. Pero é no norte onde se agarda o ascenso máis importante: en Ferrol ou en Viveiro quedarán tamén preto dese valor. O mesmo que en varias localidades do sur de Pontevedra.
Aínda loce un sol intenso e con moi boa temperatura, o que convida a desfrutar das terrazas, tamén dun paseo pola praia ou mesmo dar un baño para quen se atreva. Hoxe os valores máximos rozarán entre os 27 e os 30 graos, coas temperaturas máis altas no interior. Sopra un vento cálido do sur que aumenta a sensación de bochorno, e é preludio tamén dun cambio no tempo, xa que pola tarde aumentarán as nubes e mesmo caerá algunha pingueira á última hora do día. Non hai colexio e é festivo nalgunhas comunidades, así que os afortunados poden desfrutar dun día máis de vacacións con este tempo de verán.
Non é moi habitual no centro de Vigo captar en pleno mes de abril a imaxe dun termómetro a 30 graos, non é a temperatura real, pero é certo que o sol aperta. Prolóngase así o tempo excelente que tivemos nestas latitudes durante as vacacións de Semana Santa. Unha boa ocasión para volver á praia e refrescarse no mar.
A humidade tamén é alta debido ao vento cálido do sur que se nota xa dende primeira hora. Unha sensación de bochorno anuncia as treboadas prognosticadas para esta noite. E a chuvia que estará máis presente a partir do martes.
Tempo variable e cambios bruscos que, por outra parte, son propios da primavera.