Lugo despide cun funeral a Paula Alvarellos e terá novo alcalde antes do día 11
O Concello de Lugo informou de que o 10 de marzo celebrará na Catedral da cidade un “funeral institucional” pola alcaldesa que terá lugar ás 12:00 horas
Centos de persoas arrouparon na tarde deste luns á familia de Paula Alvarellos para despedir xunto a eles na Catedral de Lugo a esta alcaldesa, que faleceu o pasado sábado como consecuencia dun infarto.
O Concello de Lugo informou nun comunicado de que a cerimonia era de carácter familiar, aínda que aberta á cidadanía, polo que a basílica estaba abarrotada de veciños da cidade, familiares, amigos, achegados e compañeiros de política de Paula Alvarellos, que se achegaron ao templo para participar no oficio a título particular.
Entre os presentes atopábanse os seus propios compañeiros de corporación, así como o secretario xeral dos socialistas galegos, José Ramón Gómez Besteiro; o secretario xeral do PSdeG en Lugo e presidente da Deputación, José Tomé; e a parlamentaria autonómica Lara Méndez, que foi a súa predecesora no cargo.
A repentina morte da alcaldesa de Lugo causou gran conmoción na cidade.
O rexedor en funcións da cidade de Lugo, Rubén Arroxo, do BNG, asegurou que a pesar do falecemento da alcaldesa, Paula Alvarellos, o Concello segue traballando “para sacar adiante as cousas” e para favorecer que o “proceso transitorio” se faga“da forma máis rápida e áxil posible”, ademais de confirmar que o municipio ten que contar cun novo alcalde antes do 11 de marzo.
En declaracións aos medios de comunicación, Arroxo precisou que o prazo legal para “a elección do novo alcalde ou alcaldesa de Lugo finaliza o día 11 de marzo”, de modo que antes de esgotar ese período legalmente establecido celebrarase un pleno con dous puntos incluídos na orde do día: “A toma de posesión do novo concelleiro ou concelleira e a elección de novo alcalde ou alcaldesa”.
As quinielas apuntan a dous nomes: a actual voceira do Goberno municipal, Ana González, e o edil de Transición Ecolóxica, Miguel Fernández. Este veterano concelleiro era o sucesor natural hai un ano, pero deu un paso ao lado. Agora está por ver se estaría disposto a asumir a responsabilidade, xa que hai pouco regresaba dunha longa baixa médica. Pero non se prevén problemas. Os nacionalistas respectarán a decisión dos socios de goberno. Será o terceiro alcalde ou alcaldesa da cidade en pouco máis dun ano.
Arroxo afirmou que "non pode haber unha situación peor pola que asumir a alcaldía", pero explicou que a corporación municipal e o persoal do Concello continúan traballando "para seguir sacando adiante as cousas". "Estamos a pasar por unha situación moi complexa, pero levaremos o proceso transitorio da forma máis rápida e áxil para que Lugo recupere a normalidade canto antes", engadiu.

Rubén Arroxo destacou a implicación dos veciños no recoñecemento á figura de Paula Alvarellos. De feito asegurou que "o único positivo de todo isto é ver como se entregaron as veciñas e veciños, con centos de persoas acudindo ao longo da fin de semana e na mañá de hoxe ao Concello", para expresar o seu pesar.
O alcalde en funcións afirmou que "Paula, máis aló de ser unha gran representante pública, vai ser lembrada como unha gran persoa, estamos a velo estes días no Concello".
Funeral institucional o 10 de marzo
O Concello de Lugo emitiu un comunicado para informar de que o vindeiro luns, 10 de marzo, celebrará na Catedral da cidade un “funeral institucional” pola alcaldesa, Paula Alvarellos, que terá lugar ás 12:00 horas.
A cidade vive o terceiro día de loito oficial decretado polo Concello de Lugo, coas bandeiras de todos os edificios oficiais ondeando a medio mastro. Toda a programación municipal de Entroido quedou suspendida.