Lóstregos e sarabia nunha noite de terror en Vigo
A cidade olívica rexistrou mais dunha ducia de raios e das trombas de auga
A A-55 e a AP-9 quedaron tinguidas de branco en Puxeiros, Meixoeiro e Mos
Poucos puideron durmir do tirón en Vigo e a súa contorna. Dúas trombas de auga e sarabia atronaron na noite, e algunhas rúas e estradas convertéronse en auténticas pistas de patinaxe.
O tema do día en rúas e cafés era hoxe o temporal que fixo que poucos puideran pegar ollo esta noite: "Non podía durmir de noite, estaba fatal, caía un montón, e vento e todo", contaba unha veciña mentres que outro afirmaba "á noite houbo tronos e lóstregos, escoiteino dende a cama e chovía bastante. Esta mañá, eu que ando cun taxi, as rúas aínda tiñan un manto branco de sarabia".
Lóstregos e tronos deixaron imaxes dunha noite de terror en Vigo e a contorna. Só na cidade caeron unha ducia de raios, e dúas trombas de auga con mais de 66 litros por metro cadrado. No concello veciño de Mos a sarabia cubriu todo cun manto que semellaba neve.
Manuela Ricón, do restaurante Casa Gallardo contaba que estaba "todo branco, as mesas, o chan, todo cuberto de sarabia, e un vento horrible, choveu toda a noite. Home, cando hai moito vento, aquí sempre pasa algo, e cando cheguei estaban todos os automáticos baixados dos tronos, porque houbo toda a noite tronos".
Problemas sobre todo nas estradas. A AP-9 e a A-55 tinguíronse de branco no Meixoeiro e Puxeiros. Tamén foron moitos os que nin se decataron do temporal. Comenta un veciño taxista que "iso é moi complicado, porque co coche, colles sarabia e vaise da estrada, hai que reducir a velocidade".
Un rapaz recoñece que non se decatou da magnitude da treboada: "espertei nun momento como ás 3, 4 da mañá, pero durmín ben. Escoitábase bastante que caera unha sarabiada, pero durmín ben, si". O seu compañeiro engade que é de Salceda e alí non se notaba tanto.
"Hoxe vin á clase, e no colexio hai restos de xeo e tamén na leira".
A peor parte levárona as mascotas, que se asustan cos raios e pasaron mala noite, como conta unha muller: "Agora hai un pouco de xeo no chan, pero o que o pasou mal foi o can". "A cadela peor, unha treboada do carallo e sarabia seguido. Toda a noite, e un vento. Pero ha de vir peor, cando veña o Leonardo este", di outro home entre risas.
A seguinte borrasca cóllenos a todos xa afeitos, e, sobre todo, fartos dun inverno que se está facendo moi longo.