Localizan unha muller con covid que fuxira do hospital na Coruña
Os veciños alertaron a Policía Local ao vela camiñar coa vestimenta hospitalaria

Foi a Policía Local da Coruña quen primeiro recibiu unha chamada alertando de que unha moza de 19 anos que estaba ingresada na Unidade de psiquiatría do CHUAC e positiva en covid acababa de fuxir do cuarto en que estaba ingresada.
Inmediatamente mobilizáronse varias patrullas, percorrendo a cidade ata que as chamadas de varios viandantes os puxeron sobre a pista de onde podía estar. Moitas persoas chamaban, sobre todo alertadas pola vestimenta que levaba a moza, que non era outra que a propia do hospital.
Grazas á coordinación dos axentes que estaban na rúa e á sala operativa da Policía Local conseguiron localizala nunha vivenda situada na avenida de Navarra. Ao parecer a moza buscou refuxio na casa dun coñecido.
Segundo fontes policiais, nun primeiro momento opuxo resistencia, negándose a ser asistida. Ata que finalmente conseguiron convencela, e puido ser trasladada de novo ao centro hospitalario.