Localizado en Cuba o profesor condenado a 13 anos de cadea por violar unha menor en Ourense
Martiño Ramos, profesor de música e exlíder de En Marea, vive en Cuba cunha identidade falsa, segundo o xornal El Español
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia decretou a firmeza da sentenza de 13 anos de cadea o 25 de xullo
O 15 de setembro, cando pretendían notificarlle a desestimación do recurso no Supremo, xa non o atoparon. Daquela, a Audiencia provincial de Ourense emitiu unha requisitoria de busca e captura e unha orde de detención e de ingreso en prisión
Martiño Ramos Soto, condenado por abusar sexualmente e violar a unha alumna de 12 anos
Martiño Ramos, profesor de música e exlíder de En Marea, condenado a 13 anos de cadea por violar unha menor en Ourense, estaría vivindo en Cuba desde o mes de xullo, segundo informa, nunha exclusiva, o diario El Español. Segundo este xornal, vive na Habana, faise chamar Martín Soto e traballa como fotógrafo.
Relata El Español que na capital cubana "móvese sen chamar a atención. Participa en pequenos talleres de fotografías, aparece en exposicións colectivas e frecuenta cafeterías do barrio de El Vedado", podemos ler no xornal, que xa non dá máis datos.
España non ten tratado de extradición con Cuba
A audiencia Provincial de Ourense condenou a Martiño Ramos Soto a 13 anos de cadea por abusar sexualmente e violar unha alumna menor de idade, coa que contactou por Instagram sen identificarse, segundo explica a Comunicación do Poder Xudicial. A sentenza coñeceuse o 19 e xullo de 2024.
A defensa recorre ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que decretou a firmeza da sentenza de 13 anos de cadea o 25 de xullo. O 15 de setembro, a Garda Civil foille comunicar a desestimación do recurso perante o Tribunal Supremo, pero os axentes xa non o atoparon. Foi entón cando a Audiencia provincial de Ourense emitiu unha requisitoria de busca e captura e unha orde de detención e de ingreso en prisión.
Ata ese momento, Martiño Ramos Soto estaba en liberdade provisional. Sospéitase que saíu de España antes de que o Tribunal Supremo desestimase o seu recurso e despois da condena do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia o 25 de xullo de 2025.
Se realmente é a persoa localizada en Cuba, a xustiza española non o ten doado para traelo de volta: España non ten tratado de extradición con Cuba.
Martiño Ramos, quen supostamente se fai pasar por un fotógrafo, Martín Soto, na Habana, Cuba