Publicador de contidos

Limpeza e decoración de tumbas por encargo, no día de Defuntos

Limpeza e decoración de tumbas por encargo, no día de Defuntos

G24.gal 31/10/2021 14:30

Os que poden, asisten persoalmente a levarlles flores aos seus achegados e familiares. Comprobámolo esta mañá no cemiterio ourensán de San Francisco, cun constante ir e vir de xente. Pero hai tamén quen non pode vir, ou porque vive lonxe ou porque xa se lle resisten estas costas. Para eles, son estes servizos de mantemento de tumbas, que se encargan todo o ano de mantelas limpas e de traer flores cando chega este día tan especial.

"Estamos localizando os puntos onde temos que colocar as flores", di Manuel Mosquera, que ten unha empresa que se dedica ao mantemento de tumbas.

Plano en man, comezan a distribución no cemiterio de San Francisco. Para hoxe teñen uns corenta centros florais, e mañá outros tantos.

"Este cemiterio é moi antigo. As familias van crecendo, vanse dispersando, e o que se encarga da sepultura ao mellor está en Vigo, Pontevedra, Burgos, León...", sinala Manuel.

Colocan flores frescas, e retiran as que xa non serven.

"Pois agora ímoslle sacar unha foto ao centro, para enviarlla á clienta e que vexa que o traballo está feito", di Manuel mentres fai a foto.

Tamén se encargan da limpeza. De xeito puntual, para o día de Defuntos, ou durante todo o ano: "Isto é unha casa coas ventás abertas, así que hai que estar enriba. Cando máis traballo dá é na primavera, polo pole, e aquí estamos no monte: moito piñeiro, acacias..."


A maioría son clientes anónimos, pero tamén requiren os seus servizos os descendentes dalgún dos ilustres persoeiros aquí soterrados: "Agora estoulle dando os últimos retoques a unha sepultura de don Ramón Otero Pedrayo, á que lle levamos o mantemento"

Uns metros máis alá, unha muller encárgase da tumba de Xocas. Tampouco é familiar do reputado etnógrafo: "Son profesora no colexio Cardenal Cisneros de Ourense, e don Xaquín Lorenzo Fernández, Xocas, foi cofundador dese colexio, así que sempre temos unha lembranza para el".

Cunha ou outra motivación, son poucas as tumbas que hoxe non teñen algún anxo que as custodie.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos