Publicador de contidos

Publicador de contidos

Licitados por case un millón de euros os estudos do tramo de AVE entre O Porriño e Portugal

Licitados por case un millón de euros os estudos do tramo de AVE entre O Porriño e Portugal

O Ministerio lanza o estudo informativo que unirá a saída sur de Vigo coa fronteira portuguesa

Foto de arquivo/Alejandro Martínez Vélez/Europa Press Foto de arquivo/Alejandro Martínez Vélez/Europa Press
G24.gal 13/06/2025 16:48

O Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible informou da licitación, por case un millón de euros, do contrato de servizos para redactar os estudos do tramo de AVE entre O Porriño (Pontevedra) e a fronteira portuguesa.

O obxectivo destes estudos é dar continuidade ao trazado ferroviario que se está analizando no estudo informativo da saída sur de Vigo ata a fronteira portuguesa, onde enlazará coa infraestrutura que están a definir as administracións portuguesas ao sur do río Miño.

Os traballos licitados estrutúranse en dúas fases. Por unha banda, o estudo de viabilidade, que incluirá unha análise preliminar de alternativas, un estudo de demanda e unha análise custo-beneficio desde unha perspectiva socioeconómica.

Doutra banda, o estudo informativo "terá o alcance necesario para servir de base aos procesos de información pública e de audiencia ás administracións, establecidos na lexislación ferroviaria e ambiental vixente".

O contrato incluirá a prestación de servizos de enxeñería para a realización dos mencionados trámites de información pública e audiencia ás administracións, análises de alegacións e obtención, no seu caso, da Declaración de Impacto Ambiental, ata a aprobación definitiva do Estudo Informativo.

Esta actuación enmárcase nos obxectivos da Estratexia de Mobilidade Sostible, Segura e Conectada 2030, encamiñada a mellorar a cohesión social, o crecemento económico e a liquidar os problemas reais de mobilidade.

Segundo destacou o Ministerio, este estudo representa "un novo avance na construción dunha conexión internacional estratéxica para Galicia, España, Portugal e Europa, ao dar continuidade ao Eixo Atlántico de alta velocidade entre A Coruña e Lisboa".

Valoración de Abel Caballero

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, puxo en valor que o ministerio "segue cumprindo coa cidade", e lembrou que os estudos licitados, que teñen un prazo de realización de 24 meses, refírense ao último tramo pendente na parte española desa conexión.

"Eu tivera unha reunión co Ministerio a finais do mes de febreiro e alí aseguráronnos que antes de seis meses sacaban o contrato da redacción do estudo informativo. Xa está na plataforma de contratación. E, polo tanto, o Goberno de España segue cumprindo. Tomaron nota e hoxe cumpren aquel compromiso", celebrou o rexedor.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade