Publicador de contidos

Publicador de contidos

Liberdade provisional para tres encarcerados por narcotráfico a grande escala na Coruña

Liberdade provisional para tres encarcerados por narcotráfico a grande escala na Coruña

Hai sete acusados, pero só tres seguían no cárcere despois de varios aprazamentos do xuízo

Na operación comisaron drogas varias por valor de millón e medio de euros

G24.gal 22/09/2025 14:47

Suspenden, unha vez máis na Coruña o xuízo contra sete persoas acusadas de traficar con drogas a grande escala nunha operación de hai dous anos. Os tres únicos detidos, que aínda están en prisión, saen en liberdade provisional, alegando arraigamento familiar. 

"Teño un neno, toda a miña familia reside aquí, polo que non teño intención de fuxir de aquí nin evadir a acción da xustiza", declara un dos tres detidos que aínda seguían en prisión.

Un por un foron defendendo a súa saída do cárcere, a liberdade condicional á espera de que se celebre o xuízo. 

"Teño muller, dous fillos e está aquí a miña nai", repite outro dos encarcerados.

Como xa fixeran os seus avogados, os tres usaron o arraigamento familiar para convencer ao tribunal. De pouco valeu a oposición do fiscal, despois de dous anos en prisión provisional. 

"Son dous anos e, aínda que (espero que non) tivera unha pena de oito anos de prisión, o meu cliente xa cumpriu a cuarta parte e xa tería beneficios penitenciarios", defende Roberto Gayoso, avogado dun dos acusados en prisión.

En outubro fai dous anos daquela operación en que detiveron estas sete persoas en puntos distintos por traficar con droga a grande escala. En total, 141 quilos de cánnabis, cetamina e éxtase nun camión que saíra do porto da Coruña; cinco quilos de cocaína nun coche en Teo e cantidades máis pequenas no domicilio doutros supostos implicados. A droga superaría o millón e medio de euros.

"Fernando recoñeceu a súa participación. Penso que colaborou en todo momento coa xustiza e vaino seguir facendo", remarca Gayoso.

"O meu cliente é unha persoa que, segundo os informes policiais, está en distintas reunións con algúns dos que están acusados pero que non ten ningún tipo de vínculo", argumenta Víctor Bouza, letrado dun dos acusados que está en liberdade provisional

Recoñecen os feitos pero negan formar parte dunha mesma organización.

"Non se trata dun grupo criminal, cunha estrutura organizada á sazón. Son persoas que conflúen nun momento determinado nunha actividade delitiva, cada un co seu rol", engade Bouza.

Cada un polo seu rol enfróntanse a penas de entre 4 anos e medio e 18 anos de cárcere. O xuízo quedou aprazado para o ano que vén, sen data fixa, á espera de cadrar axendas. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade