Liberan unha muller retida por un home nun piso de Ourense
O suposto secuestrador foi detido como presunto autor dun delito de detención ilegal e ameazas
A Policía Nacional liberou en Ourense unha muller que fora retida nun domicilio da cidade por un home, que foi detido como presunto autor dun delito de detención ilegal e ameazas.
Nun comunicado informan que foi o pasado xoves, 8 de setembro, cando a Comisaría de Ourense recibiu dúas chamadas telefónicas procedentes de Madrid informando de que un home mantiña retida a unha muller nun piso de Ourense, dando dous domicilios distintos.
Por iso, axentes da Brigada Provincial de Policía Xudicial de Ourense dirixíronse a senllos domicilios, localizando á vítima nun deles e logrando liberala.
Ademais, procederon tamén á detención do presunto autor do delito, sendo trasladado a dependencias policiais e pasando a disposición xudicial.