Liberado un empregado de Alcoa en Cervo tras quedar atrapado nun accidente
Investigan por que se produciu un desprendemento de bauxita que o cubriu ata a cintura
A empresa di que é traballador dunha contrata e non sufriu lesións graves

Os servizos de emerxencia liberaron este sábado, tras un accidente laboral, un empregado da factoría de Alcoa en San Cibrao, no concello de Cervo.
Segundo informa o 112, o sinistro produciuse ás dúas da mañá, cando o afectado quedou atrapado por unha chea de pedras que o cubrían ata a cintura.
Fontes da empresa aseguran que o afectado é un traballador dunha contrata da planta que limpaba un depósito cando se produciu un desprendemento de bauxita, roca da que se extrae o aluminio.
O home quedou coas pernas atrapadas polo que se activaron os protocolos de emerxencia da fábrica. Os Bombeiros de Viveiro e o GES de Cervo liberárono e o 061 trasladouno ao hospital de Burela.
Alcoa asegura que non se apreciaron lesións de gravidade, pero están a investigar o sucedido. Ademais, agradece a asistencia e o traballo dos grupos de emerxencia.