Lestedo celebra o día grande da súa Festa da Filloa, que chega á súa 43ª edición
A Festa da Filloa de Lestedo, no concello de Boqueixón, foi declarada de Interese Turístico Nacional en 2024
As filloeiras non paran de fumear en Lestedo no día grande da súa festa. Desde as 8 da mañá, preparan unhas dúas mil filloas por hora.
"Estamos a tope: un unta, outro bota o amoado, damoslles a volta e sacámolas para que poidades comer o antes posible"
"Cunha máquina a presión para sacar as máximas filloas e que saian frescas"
Prepáranas para tódolos gustos: doces, salgadas, recheas, e tamén á pedra.
"Riquísimas, son as mellores". "Ricas, comín moitas". "Eu xa as probei e mira as que levo". "Eu é o primeiro ano que veño, está moi ben esto". "Se foran gratis, comeriamos moitas máis", din varias asistentes á festa.
En Lestedo Levan 43 anos organizando esta festa, declarada de Interese Turístico Nacional. A celebración convertiuse en todo un emblema da parroquia.
"Todo o mundo colabora, tanto maiores como pequenos, é un pracer. Levamos xa 43 anos, o da filloa xa é un sentimento", di unha voluntaria"
"Ao ser declarada como Festa de Interese Turístico Nacional vén moita máis xente, hai máis publicidade e hai tamén máis traballo. Hai que botar 15 días preparando todo", di un colaborador.
Durante toda a xornada, as filloas poderán degustarse no campo da Feira de Lestedo. Pola noite seguirá a festa.