Publicador de contidos

Publicador de contidos

O papa León XIV clama contra a guerra e o abuso de poder no seu primeiro viacrucis

O papa León XIV clama contra a guerra e o abuso de poder no seu primeiro viacrucis

As catorce estacións estarán guiadas por unhas "meditacións" escritas por un frade de Terra Santa e que advertirán ao mundo sobre a guerra e os abusos do poder

Reuters/ Sinal en directo Reuters/ Sinal en directo
G24.gal 03/04/2026 15:58 Última actualización 03/04/2026 23:49

León XIV presidiu este Venres Santo o primeiro viacrucis no Coliseo de Roma do seu pontificado, cunha mensaxe centrada na denuncia da guerra e do abuso de poder na súa primeira Semana Santa como Papa.

Ante milleiros de fieis reunidos no Anfiteatro Flavio para seguir o rito que lembra o camiño de Xesús cara ao Gólgota ao longo de 14 estacións, León XIV portou a cruz durante todo o percorrido, converténdose no primeiro Papa en facelo desde Xoán Paulo II.

“Non é un percorrido no medio de xente devota e silenciosa. Como en tempos de Xesús, camiñamos nun ambiente caótico e bulicioso, entre persoas que comparten a fe e outras que se burlan e insultan”, expresou ao inicio da celebración.

As meditacións, encargadas ao franciscano Francesco Patton, interpelaron desde a primeira estación a quen exerce o poder e advertiron de que toda autoridade deberá responder ante Deus polo seu exercicio.

Chamamento contra a guerra e a violencia

Os textos subliñaron a responsabilidade no uso do poder, tanto para iniciar ou deter guerras como para fomentar a paz ou a violencia, así como o seu impacto na economía e na convivencia entre pobos.

A celebración comezou con lecturas que destacaron que a fe debe encarnarse no mundo real, mentres en cada estación se rezou o Noso Pai en latín.

Atención ás persoas máis vulnerables

As meditacións puxeron o foco en presos, migrantes, vítimas da violencia, mulleres explotadas e nenos, e sinalaron que recoñecer o rostro de Cristo implica velo en toda persoa cuxa dignidade é vulnerada.

Os textos denunciaron tamén prácticas de réximes autoritarios e situacións de tortura, así como a pobreza e a indiferenza social.

Ademais, destacouse o papel das mulleres no acompañamento do sufrimento humano en ámbitos como hospitais, centros de acollida ou zonas de conflito.

Recordo do Papa Francisco

O viacrucis celebrouse dúas semanas antes do primeiro aniversario da morte do Papa Francisco, falecido o 21 de abril de 2025, polo que a Semana Santa estivo marcada polo seu recordo.

Aínda que ausente das celebracións do Triduo Pascual por motivos de saúde, Francisco redactou as homilías e as meditacións do Vía Crucis e visitou o cárcere Regina Coeli en Roma o Xoves Santo.

No seu último mensaje de Pascua, pediu o cesamento do fogo en Gaza, a liberación dos reféns e apostou polo desarme como vía para acadar a paz.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade