O EXPRESIDENTE DO DEPORTIVO FIXO UN AMPLO REPASO A TODA A ACTUALIDADE DO CLUB HERCULINO
Lendoiro: "O Deportivo deste ano cheira ben"
Lendoiro amosa a súa satisfacción coa marcha do equipo e co traballo do adestrador
Critica que o Depor Training Center non teña un nome en galego
Advirte sobre o perigo de que Riazor quede sen ser sede do mundial
Augusto César Lendoiro está contento co seu Deportivo. "Este equipo cheira ben, cheira ben" asegura. O expresidente do Deportivo loou tamén o traballo do adestrador Antonio Hidalgo e do director deportivo, Fernando Soriano, nunha entrevista en exclusiva coa Televisión de Galicia.
Tamén se referiu Lendoiro ao novo Depor Training Center de Abegondo. O antigo rector do club deportivista lembrou que el inaugurara "hai 25 anos" as instalacións co nome "O mundo do fútbol" e amosou o seu desacordo en que o nome non sexa galego.
O expresidente do Deportivo tamén fixo unha advertencia ante o perigo de que Riazor non vaia ser finalmente sede mundialista. "Imos perder ese barco e iso é malo para o Deportivo, para A Coruña e para Galicia"