Lei do só si é si: o TSXG defende a revisión de condenas, pero estudando caso por caso
Insta a aplicar a pena máis beneficiosa para o reo, pero analizando cada circunstancia concreta

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) pronunciouse por primeira vez de forma xenérica sobre a revisión de penas aos condenados por delitos sexuais e entendeu que "cabe a revisión de condenas", pero debe facerse "atendendo ás concretas circunstancias de cada caso" e "ponderando en que medida favorece o reo" a nova lei.
Desta maneira, a sala do Civil e Penal do TSXG abordou por primeira vez nunha sentenza a incidencia que a entrada en vigor da Lei de garantía integral da liberdade sexual -coñecida como a de só si é si- pode ter sobre as penas impostas aos condenados.
De feito, no caso concreto analizado na sentenza, o TSXG rexeitou rebaixar a pena a un condenado por agresión sexual e por un delito de captación e utilización de menores para elaborar material pornográfico infantil por entender que a nova lei non o favorece e, en coincidencia co criterio da Fiscalía, decreta que "non ha lugar á revisión de condena".
Mentres, noutra sentenza, tamén de acordo co criterio de Fiscalía, reduce en seis meses de cárcere a condena a un home que abusou dunha menor de catro anos.
🔹 No outro asunto rexeita rebaixar a pena de 11 anos e medio de cárcere a un condenado por unha agresión sexual e por un delito de captación e utilización de menores para elaborar material pornográfico infantil porque entende que a nova lei non o favorece
— TSXG (@TSXGalicia) November 29, 2022