Publicador de contidos

Publicador de contidos

Lecornu afasta a ameaza de adianto electoral en Francia e pide un relevo en 48 horas

Lecornu afasta a ameaza de adianto electoral en Francia e pide un relevo en 48 horas

O xefe de goberno en funcións di que a súa “misión terminou”, despois de cumprir o encargo de Macron de explorar pactos políticos pola estabilidade

G24.gal 08/10/2025 20:32 Última actualización 08/10/2025 21:14

O primeiro ministro francés en funcións, Sébastien Lecornu, recomendou este mércores ao presidente Emmanuel Macron que non adiante as eleccións lexislativas e que nomee un novo xefe de Goberno nas próximas 48 horas, ao considerar que existen posibilidades de acordo para estabilizar o país.

Nunha entrevista na televisión pública France 2, Lecornu deu por rematada a súa etapa ao asegurar que a súa “misión terminou”, despois de cumprir o encargo de Macron de explorar pactos políticos pola estabilidade e de afirmar que o presidente “falará no seu momento”, sen máis detalles.

Segundo explicou, tras dous días de contactos cos grupos parlamentarios —todos agás a ultradereita de Marine Le Pen e a esquerda da Francia Insubmisa de Jean-Luc Mélenchon—, comprobou que “hai unha maioría absoluta na Asemblea Nacional que rexeita a disolución” e, polo tanto, un adianto electoral.

Lecornu afirmou que o próximo executivo debe estar “completamente desconectado das ambicións presidenciais” de cara a 2027 e lembrou que a elección do novo primeiro ministro corresponde a Macron. Engadiu que o país necesita un equipo disposto a “poñerse a traballar e resolver os problemas de Francia ata as eleccións presidenciais”.

O primeiro ministro en funcións rexeitou a posibilidade de que o presidente dimita, como reclaman os extremos político e parte dos conservadores. “Nunha democracia representativa, se cada vez que hai unha pequena tormenta se pide que o presidente marche, iso pesará sobre os seguintes xefes de Estado e mesmo sobre os alcaldes”, advertiu. “Sigo sendo ministro de Defensa e asegúrolles que non é momento de cambiar de presidente”, engadiu.

Subliñou ademais que non se debe “subestimar a tensión internacional que Macron debe xestionar” e insistiu en que “o grao de enerxía e de asunción de riscos que pode asumir un presidente é esencial”.

Reforma das pensións e orzamento

Sobre a reforma das pensións, un dos principais puntos de fricción política, Lecornu estimou que a suspensión da lei —moi criticada pola esquerda— custaría polo menos 3.000 millóns de euros en 2027. Sen posicionarse, defendeu que o debate siga o camiño parlamentario: “Hai que atopar a maneira de garantir que se celebre o debate sobre a reforma das pensións”.

En relación co proxecto de orzamentos para 2026, explicou que “todos os partidos” cos que se reuniu lle transmitiron que “non se debe correr o risco de rematar o ano sen orzamento”. Indicou que, aínda que o seu nomeamento foi recente, o proxecto presentarase o luns, o último día posible para facelo, e recoñeceu que “haberá moito que debater” no Parlamento.

Debate fiscal e despedida

En materia de xustiza fiscal, Lecornu sinalou que o Parlamento tamén poderá debater sobre impostos e advertiu de que calquera subida debería xustificarse porque “é un símbolo para os franceses”.

Con só 29 días á fronte do Executivo, concluíu que deixa o cargo coa sensación de ter “cumprido a misión” e co convencemento de que “intentou todo”.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade