Publicador de contidos

Publicador de contidos

José Tomé: "Cando todos os informes sobre Altri estean sobre a mesa, opinaremos"

José Tomé: "Cando todos os informes sobre Altri estean sobre a mesa, opinaremos"

O presidente da Deputación de Lugo anuncia a mellora da rede provincial de estradas con "investimentos moi potentes"

Cuestiona a moratoria do eucalipto e aposta por unha política forestal "diferente"  para evitar os incendios 

Adianta que o límite de velocidade na AG-54 entre Lugo e Palas  pasará de 100 a 120 quilómetros por hora

G24.gal 23/11/2025 09:30 Última actualización 23/11/2025 09:43

O presidente da Deputación de Lugo afirma que faltou información e houbo "verdades a medias" sobre a fábrica que Altri proxecta no concello de Palas de Reis.

Na entrevista dos domingos da Radio Galega, José Tomé lembrou que, nun primeiro momento, a empresa portuguesa dixo que se ía instalar en Cervo e que ía fabricar lyocell, unha fibra téxtil derivada da madeira de eucalipto.

"Altri empezou moi mal, con moita falta de información, con verdades  a medias. Faltou moitísima comunicación e así llelo dixen aos promotores cos que me reunín un par de veces na Deputación. Se informasen a xente da zona dende o primeiro día evitaríanse moitos malentendidos, máis aló de que cumpra ou non todos os requisitos medioambientais"

O responsable do pazo de San Marcos evitou expresar a súa opinión sobre o proxecto da pasteira portuguesa e de Greenalia. Explicou que aínda faltan informes determinantes da Xunta e de Europa. Unha vez que se coñezan, asegurou, a Deputación dará a coñecer a súa postura.

"Estes temas sempre levan canda si unha alta carga política.... Cada grupo político, cada asociación que se manifeste como queira pero eu son o presidente da Deputación e como Administración teño que ser rigoroso e serio. Cando teñamos toda a documentación sobre a mesa,  emitiremos a nosa opinión. Mentres tanto teño que pedir claridade e transparencia sobre este proxecto" 

En canto a Alcoa, José Tomé, expresou a súa convicción de que a multinacional continuará en San Cibrao porque "ten futuro".

"No caso de Alcoa houbo algunhas circunstancias alleas ao funcionamento da empresa que serven para xogar politicamente, pero non para arranxar os problemas. Tiráronse moitas fotos e igual había que facer menos fotos e máis achegas. Estou moi convencido de que Alcoa continuará"

O presidente da Deputación de Lugo agarda que a multinacional cumpra o acordo acadado co Goberno de España e cos sindicatos e invista na planta, tal e como anunciou, máis de 100 millóns de dólares.

Política forestal

José Tome afirmou na Radio Galega que Lugo é a primeira provincia de España en corta de madeira e sinalou que o sector forestal é "tremendamente importante" para este territorio e para o resto de Galicia.

O presidente provincial cuestionou a moratoria do eucalipto que a Xunta acaba de ampliar ata 2030 e que inclúe excepcións. Tomé apostou por unha política forestal "diferente".

"A moratoria do eucalipto tíñase que facer doutra maneira. O que hai que facer é unha política forestal diferente e ter claro que se os montes están ordenados arden menos"

José Tomé rexeita os monocultivos e reivindica as plantacións con especies diferentes ao eucalipto que produzan madeira de calidade e que actúen como cortalumes naturais.

"Non podemos depender só do eucalipto. Temos que depender do piñeiro, do carballo, do castaño e doutro tipo de madeiras pero de xeito coordinado. Hai que revisar moito onde plantamos e o que plantamos".

Infraestruturas

O presidente da Deputación de Lugo afirmou que os equipos de inverno xa están preparados para facerlles fronte ás nevaradas. José Tomé explicou que están conformados por 112 operarios, 64 máquinas e 12 silos con capacidade para 420 toneladas de salmoira.

O titular do ente provincial tamén se referiu ás fochancas de estrada nacional 540, que vai de Lugo a Ourense, e que está "a medio arranxar" e da nacional 120 "con treitos que hai que mellorar".

José Tomé anunciou un plan de investimos en estradas provinciais "moi potente".

"O voceiro do grupo popular na Deputación anda a buscar algunhas fochancas nas estradas provinciais. Todas son mellorables e hai que actuar. Nós, o ano pasado, fixemos o maior plan de estradas da historia de Deputación de Lugo e imos facer algo similar a principios do ano que vén. Estamos preparando un plan de investimentos en estradas moi potente".

O presidente provincial tamén se referiu na Radio Galega á autovía que conectará Lugo con Santiago e adiantou que a velocidade do treito entre a cidade da Muralla e Palas pasará de 100 a 120 quilómetros por hora, tal e como el mesmo lle reclamou ao Ministerio de Transportes.

"Cando se inaugurou o treito entre Melide e Palas eu mesmo lle pedín ao secretario de Estado que revisase os límites de velocidade entre Lugo e Palas porque non ten sentido que estean a 100. O Ministerio revisou e van estar a 120".

En canto ao ferrocarril, José Tomé admitiu que as comunicacións por FEVE na Mariña teñen "necesidade de mellora". O tren, engadiu, non será competitivo ata que non se faga o corredor que está previsto dende hai 20 anos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade