Fandiño: "O efecto da vacinación está demostrado, por iso hai menos ingresos"
O coordinador do servizo de urxencias do CHUAC lembra que hai que cumprir as restricións
Pensa que o alto nivel de inmunidade vai evitar que se tomen medidas demasiado drásticas
As autoridades sanitarias seguen con "preocupación" o avance dos contaxios en Galicia. Porén, o coordinador do servizo de Urxencia do CHUAC, José Manuel Fandiño, confirma que o alto índice de vacinación fai que nesta sexta vaga “haxa menos ingresos hospitalarios”.
Considera que era previsible este incremento de casos, sobre todo entre a poboación de cinco a once anos que aínda non está inmunizada. Tamén pensa que, despois de tantos meses de pandemia, a xente se vai relaxando porque “todos temos ganas de xuntarnos”.
Nunha entrevista no espazo Bos Días, da Televisión de Galicia, insiste en que “está demostrado” o efecto da vacinación e que, nese sentido, España xoga con vantaxe porque a poboación vacinouse maioritariamente "de xeito voluntario".
Segundo o tamén presidente da Sociedade Española de Medicina de Urxencias e Emerxencias en Galicia, a xente inoculada pode contaxiarse pero “a incidencia é moito menor a nivel hospitalario”.
Países da contorna
Lembra que outros países da contorna, como Alemaña ou Austria, con índices máis baixos de vacinación, están a vivir unha situación máis crítica. Na súa opinión, non teremos que adoptar medidas tan drásticas coma neses territorios pero “hai que manter” as restricións actuais e “avanzar na vacinación”.
Do mesmo xeito, subliña a necesidade de “manter a máscara, a distancia de seguridade, lavar ben as mans e evitar sitios con moita xente ou mal ventilados”. De cara ao Nadal, aposta pola utilización de detectores de CO2 nos espazos interiores.