O atasco do INSS deixa sen prestación por incapacidade traballadores pendentes de valoración
Os inspectores médicos denuncian falta de persoal e de medios para exercer o seu traballo
Lucía sufriu unha lesión de xeonllo que obrigou a unha intervención cirúrxica. Hoxe segue con secuelas que lle impiden desenvolver a súa actividade profesional. A espera pola valoración médica supera os dous anos.
"Non podes traballar nin percibir nada. Só podes agardar", explica Lucía.
O seu non é un caso excepcional.
"Falei con xente. Unha rapaza con dous adolescentes ao seu cargo. Falei cun rapaz que ten que pagar unha débeda con Facenda e as pensións dos seus dous fillos".
Detrás destas situacións está, din os profesionais, a xestión do servizo por parte do Instituto Nacional da Seguridade Social.
"Entre os 18 e os 24 meses ten que haber unha resolución do INSS. O colapso é tal que chegamos a ese prazo e non hai resulución. Polo tanto, hai un baleiro legal aí", explica o avogado Jorge López Abad.
Desde o Sindicato de Inspectores Médicos denuncian a falta de profesionais e de medios para exercer o seu traballo. A situación é tal que teñen que realizar avaliacións non presenciais, o que os levou a pedir o amparo do Consello Oficial de Médicos.
"Hai un colapso absoluto da Seguridade Social", di o avogado, Jorge López Abad.
E din que detrás das cifras de absentismo laboral hai moito máis que un empregado que falta ao seu posto de traballo.