O goberno galego defende que as unidades para controlar baixas están nas súas competencias propias
O conselleiro de Emprego da Xunta, José González, defendeu este xoves que as unidades para controlar posibles fraudes nas baixas laborais están dentro das súas "competencias propias".
González reaccionou ao anuncio da vicepresidenta segunda do Goberno e ministra de Traballo e Economía Social. Yolanda Díaz dixo que o Goberno presentará un recurso ante o Tribunal Constitucional se a Xunta crea un organismo autonómico para controlar posibles fraudes nas baixas laborais, pois é "absolutamente ilegal, invade competencias estatais".
Nun audio remitido aos medios, González dixo que está "francamente sorprendido pola nova saída de tono" da vicepresidenta.
Dixo que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, plantexou no Parlamento unha cuestión, a do absentismo laboral, que é o segundo custo máis alto para a Seguridade Social despois das pensións, con 16.500 millóns de euros en 2024, "sen contar a afectación para as empresas".
"O que fixo foi poñer enriba da mesa e levar a debate un problema, o do absentismo, que está afectando neste momento de maneira moi importante á produtividade do tecido produtivo galego e eu engadiría: do español", indicou.
Por iso, di que para a Xunta "desde o máximo respecto aos dereitos laborais dos traballadores, é un problema que se ten que afrontar e no que se deben poñer solucións", para o que prevé implantar un "plan integral para reducir ese impacto do absentismo en Galicia".
"Con medidas que partirán da Administración autonómica, pero tamén dos empresarios e dos traballadores e no seo do diálogo social", engadiu.
Farao "dentro desa capacidade e das competencias que ten a comunidade autónoma en materia sanitaria", coa creación, no Servizo Galego de Saúde (Sergas), de unhas unidades especializadas para esta cuestión.
"Axilizarán e simplificarán os trámites das mutuas na colaboración que xa están a ter nos procesos de control das baixas", continuou.
O conselleiro defendeu que "en ningún caso hai invasión de competencias", pois faise "dentro do ámbito de competencias propias" para "tratar de paliar ou reducir un problema moi intenso".