Carmen Pano di no Supremo que entregou 90.000 euros en Ferraz de parte de Aldama
Pano testificou este xoves na terceira xornada do xuízo contra o exministro, o seu exasesor Koldo García e o empresario Víctor de Aldama polas presuntas irregularidades na compra de máscaras durante a pandemia da covid-19
A empresaria Carmen Pano reafirmou no Tribunal Supremo que fixo entrega de 90.000 euros na sede do PSOE en Ferraz, a pedimento do comisionista Víctor de Aldama, e dixo que "imaxina" que foi para pagar as xestións do exministro Jose Luis Ábalos para conseguir a licenza de operadora en hidrocarburos para a empresa Villafuel.
Pano, investigada na Audiencia Nacional no caso de Hidrocarburos, testificou este xoves na terceira xornada do xuízo contra o exministro, o seu exasesor Koldo García e o empresario Víctor de Aldama polas presuntas irregularidades na compra de máscaras durante a pandemia da covid 19.
Como xa fixera nas súas declaracións en instrución, Pano confirmou as entregas: "Eu a Ferraz fun dúas veces a entregar 45.000 e 45.000 de parte do señor Aldama". A primeira vez foi en taxi e a segunda acompañada de Álvaro Gallego, que esta mañá ratificou que así foi.
Á súa chegada á recepción, dixo quen era e respondéronlle que subise á segunda planta. "Estaban a esperarme nada máis saír do ascensor, un señor", explicou Pano. Ela entregouno de inmediato foise.