José González ve intencionalidade na maioría dos incendios
Medio Rural pide a colaboración da cidadanía para dar cos culpables
"Temos que ter preparado o territorio, non podemos evitar que haxa incendios, pero temos que tratar por todos os medios que non teñan consecuencias tan grandes", explicou o conselleiro
O conselleiro criticou a decisión do Goberno central de obrigar as comunidades autónomas a ter activos os seus plans contra incendios durante todo o ano
A situación dos incendios en Galicia vai mellorando, mais dende a Consellería do Medio Rural piden á cidadanía que siga extremando precaucións e colabore coas autoridades para dar cos culpables.
Evitar rozar nas horas centrais do día e extremar precaucións á hora de facer churrascadas son algúns dos puntos nos que incidiu esta mañá o conselleiro do Medio Rural, José González.
Nunha entrevista no Galicia por diante o conselleiro fixo fincapé na intencionalidade da maioría dos incendios e pediu colaboración á cidadanía na achega de datos para dar cos culpables, dende a cor do coche ata a matrícula. Sinalou a complexidade de detectar estes comportamentos e personalidades posto que se trata de xente que coñece o territorio.
Dende a Administración anuncian os indicios que apuntan a esta intencionalidade. A nocturnidade dos lumes, os diferentes focos de inicio e a aparición de artefactos incendiarios como acumulacións de papel ou pastillas de acendido.
José González sostén que o perfil do incendiario vai dende persoas con problemas de saúde ate outras con diferentes motivacións.
Con todo, o conselleiro defende que nos últimos anos a porcentaxe de parcelas limpas aumentou en 16 puntos. Mentres que no ano 2019 as parcelas estaban limpas nun 50 %, actualmente atopanse nun 66 %. Ademais, anunciou que no último ano se realizaron máis de 350.000 notificacións a cidadáns para que limpasen as súas leiras.
"Temos que ter preparado o territorio, non podemos evitar que haxa incendios, pero temos que tratar por todos os medios que non teñan consecuencias tan grandes"
José González pronunciouse tamén sobre a decisión do Goberno central de obrigar as comunidades autónomas a ter activos os seus plans contra incendios durante todo o ano. Defende que a Galicia non teñen que darlle leccións e criticou a aprobación dun decreto lei feito en plena temporada alta de risco de incendios.