Jorge Prado asina a mellor actuación no AMA Pro Motocrós
Acabou de quinto na xeral no Gran Premio de Southwick e pelexou cos primeiros da clasificación
O lugués Jorge Prado asinou a mellor actuación no AMA Pro Motocrós dos Estados Unidos. Acabou de quinto na xeral no Gran Premio de Southwick, quinta proba puntuable da competición. Prado pelexou nos postos de cabeza durante as dúas carreiras e un par de inoportunas caídas impediron que colleitase un mellor resultado.
A vitoria, unha vez máis, foi para Jett Lawrence que dominou de principio a fin as dúas mangas. Na primeira Jorge Prado logrou remontar ata o terceiro posto pero foi ao chan a dez minutos do final e acabou na quinta praza.
Na segunda carreira Lawrence e Prado protagonizaron un gran duelo desde o comezo. Aí aguantou o piloto galego ata que volveu ir ao chan. Baixou ata o noveno posto e conseguiu recuperar tres prazas para asinar un sexto. Na xeral do campionato Jorge Prado é noveno, moi preto do oitavo posto e as súas prestacións semellan ir a máis.