"Putin non quere abrir novas frontes, e menos no caso de Finlandia"
Jorge Quindimil, profesor de Dereito Inernacional da UDC: "A OTAN respondería por Finlandia ante calquera ameaza dos rusos, incluso antes da anexión á organización, aclara Quindimil"
"A organización gaña terreo, pero nalgún momento terá que buscar unha relación cordial con Rusia. O contrario incrementaría a tensión", matiza
Este venres, na Radio Galega, analizamos co profesor da UDC Jorge Quindimil as claves da entrada de Finlandia na OTAN. O país pide entrar na organización e Rusia responde con ameazas.
Tras o estoupido do conflito ucraíno, a ameaza ao territorio sería un dos motivos polos que Finlandia muda a súa posición neutral despois de oitenta anos e solicita ese ingreso na OTAN. Faino, non obstante, cun exército de primeiro nivel, matiza Quindimil.
"Ucraína é un exemplo dese risco, con ese veciño que pode supoñer para eles unha ameaza. En varias ocasións Rusia vulnerou o espazo aéreo de Finlandia, igual que o de Suecia. Se non é unha agresión armada, si unha advertencia", explica.
Considera o profesor que o paso que acaba de dar Finlandia pode resultar doloroso para Putin, dado que Rusia e Finlandia compartiron períodos de unión ao longo da historia.
Non obstante, en termos estratéxicos, e dadas as dificultades que Rusia está a ter para sacar adiante a contenda Ucraína, non tería capacidade suficiente para levar a cabo acción militar algunha sobre Finlandia. A única escapatoria que tería Rusia en termos bélicos neste caso, sostén Quindimil, sería o uso de armas nucleares tácticas, pero non operativa militar.
"Putin non quere saír derrotado en ningún caso, pero tampouco abrir novas frontes, e menos no caso de Finlandia", valora este experto en Dereito Internacional.
Por outra banda, engade, aínda que Finlandia non sexa membro da OTAN, a organización xa puxo enriba da mesa o apoio ao seu ingreso, tamén ao de Suecia, así como apoio militar ao país durante o período de transición.
"Aínda que Finlandia non sexa membro da OTAN, calquera agresión militar por parte de Rusia podería ser respondida legal e lexitimamente por calquera membro da OTAN ou calquera outro territorio", argumenta.
Beneficios para a OTAN
Neste apartado apunta o profesor que o ingreso de Finlandia na OTAN suporía un beneficio para a organización por varios motivos.
Un: Finlandia fai gala dunha gran capacidade militar, especialmente aérea. Dous: crearía a maior fronteira da organización con Rusia, máis de mil trescentos quilómetros. e tres: minguaría aínda máis o posicionamento de Rusia no mar Báltico.
Con esta anexión a OTAN gaña terreo pero, advirte Quindimil, este movemento exixe responsabilidade por parte da organización.
"Nalgún momento terá que ofrecer algún tipo de escapatoria a Putin en termos de negociación. Doutro xeito, este movemento o único que fai é incrementar a tensión e o perigo".
Quindimil ve bastante claro que Suecia será outro aliado da OTAN nos próximos meses.
Outras consideracións
Afirma o profesor que a invasión de Ucraína por parte de Rusia non fixo nada máis que fortalecer á OTAN, conseguindo obxectivos ata agora inacadados, entre eles, o aumento do presuposto destinado a defensa nos seus territorios
Ve pouco percorrido á proposta de creación dun exército a nivel europeo, xa que a UE está a facer unha proposta con escasos efectivos, explica, pensados máis para operacións humanitarias que para entrar en combate.