Jessica Bouzas presiona a Svitolina pero acaba perdendo en Roma
A tenista vilagarciá estivo moi preto de forzar o terceiro set pero acabou caendo no tie break do segundo diante dunha das xogadoras máis en forma do circuíto en terra
Jessica Bouzas perdeu diante de Svitolina (14 do mundo) na segunda rolda do Másters 1.000 de Roma. A ucraína, campioa no Foro Itálico en 2017 e 2018, está a ser unha das tenistas máis en forma desta temporada en terra batida pero non o tivo nada fácil para superar á vilagarciá.
O primeiro set estivo moi parello pero Svitolina aproveitou un erro de Bouzas para racharlle o servizo e levar a manga por 6-4. No segundo Bouzas encadeou catro xogos consecutivos e parecía encamiñar o partido cara o terceiro set pero Svitolina reaccionou a tempo e conseguiu forzar de xeito agónico o tie break. Aí impuxo a súa calidade e maior experiencia para gañalo cun cómodo 7-2 (7-6 no segundo set).