España comeza a Eurocopa metendo medo cunha goleada a Portugal (5-0)
Ao descanso chegouse cun 4-0 que non deixaba opcións para as portuguesas
A segunda metade deixou a estrea da recuperada Aitana e un novo gol para pechar a manciña
A selección española feminina, campioa do mundo vixente, comezou o asalto á Eurocopa de Suíza. Abriu o grupo B cunha malleira sobre Portugal, que so aguantou ata o minuto dous de partido, cando abría o marcador Esther González cunha cabezada. As de Montse Tomé non pararon aí, a aos sete minutos xa dobraban a renda cun Vicky López a pase de Mariona.
Foi unha primeira metade de dominio absoluto das españolas, que puideron aumentar a contra con ocasións claras, como unha de Alexia ou outra de Claudia Pina que rexeitou Inés Pereira. A porteira do Deportivo Abanca xa non puido facer nada no treito final, en que España anotaba dous tantos máis: Alexia Putellas marcaba cun remate a media altura no 41, e outra vez Esther, con algo de fortuna, desviaba o balón á portería despois dun remate espectacular sen ángulo de Claudia Pina que bateu no pau. A primeira metade pechaba cun catro a cero e o partido totalmente sentenciado.
A continuación comezou con outra ocasión de Alexia, antes de que o partido se detivera varios minutos logo dun golpe na cabeza de Fátima Pinto. Pausa que non mudou a decoración nin o dominio de España. Pero o gol non chegaba, e o mellor momento desta segunda metade, máis aló dun remate de Patri que saíu a rentes do pau, foi a estrea de Aitana, xa recuperada da meninxite que a tivo hospitalizada na previa. Nada máis entrar, a Balón de Ouro estivo a piques de darlle o quinto en bandexa a Martín Prieto, pero a súa compañeira topou con Inés Pereira. Martín Prieto si atinou no engadido cunha cabezada para redondear a manciña neste estrea continental.
O cinco a cero final deixa a España no máis alto deste grupo B da Eurocopa, e ben encamiñada cara á segunda fase.