Jessica Bouzas e Munar non poden coa Arxentina
Desastre de España na United Cup
Tripla derrota en Australia
España estreouse esta madrugada na United Cup. Enfrontábase á Arxentina en Perth, e as cousas non puideron ir peor. Nun día para esquecer, o equipo español caeu por 3-0. Derrotas de Jaume Munar ante Sebastián Báez (6-4, 6-4), de Iñigo Cervantes e Yvonne Cavallé contra Guido Andreozzi e María Lourdes Carlé en dobres (7-6(6), 6-2) e da galega Jéssica Bouzas fronte a Solana Sierra (6-4, 5-7, 6-0).
A vilagarciá viuse superada de inicio polo empurre de Sierra, quen levou a primeira manga grazas á súa maior solidez ao servizo. No segundo set viuse a mellor versión da tenista galega. Amosouse máis precisa e serena para acabar decantando a balanza ao seu favor por 7-5. Pero aí acabou a reacción da española, que desapareceu no terceiro e confirmou a derrota final.
España queda así ao bordo da eliminación xa que agora tería que vencer a gran favorita do torneo, os Estados Unidos, que conta con Taylor Fritz e Coco Gauff, para aspirar á clasificación para cuartos.