Publicador de contidos

Publicador de contidos

Cae unha rede que traficaba en Internet con receitas de medicamentos falsificadas

Cae unha rede que traficaba en Internet con receitas de medicamentos falsificadas

A Policía detivo doce persoas, unha delas en Ourense

A banda ofrecía analxésicos e anestésicos en app de mensaxería

Arquivo Arquivo
G24.gal 02/01/2026 12:04

Axentes da Policía Nacional desarticularon unha presunta organización criminal que traficaba con receitas de medicamentos suxeitos a prescrición médica, fundamentalmente de analxésicos e substancias anestésicas, que eles mesmos falsificaban e ofrecían en perfís e grupos de mensaxería instantánea.

Nesta operación foron arrestadas doce persoas en diferentes provincias españolas -Madrid (2), Toledo (2), Cantabria, Ourense, Córdoba, Alacante, León, Palencia, Zamora e Baleares-, entre eles os dous presuntos líderes da rede, que xa ingresaron en prisión provisional.

Aos detidos, aos que hai que sumar un investigado localizado en Ávila e que non foi detido, impútanselles delitos de pertenza a organización criminal, contra a saúde pública, danos informáticos, falsidade documental e usurpación de identidade.

Nos oito rexistros realizados de maneira simultánea ás detencións interviñéronse máis de mil pastillas de distintos medicamentos, teléfonos, material informático, armas brancas e réplicas de armas de fogo.

Ofrecían analxésicos e substancias anestésicas en apps de mensaxería.

A investigación iniciouse o pasado mes de xuño tras detectar perfís e grupos de mensaxería instantánea dedicados á venda de receitas falsificadas para a obtención de medicamentos, sobre todo analxésicos e substancias anestésicas, suxeitos a prescrición médica.

O modus operandi consistía en obter de maneira ilegal as credenciais de médicos colexiados aos que usurpaban a identidade para a creación das receitas.

Posteriormente comercializaban estas receitas falsificadas en plataformas de mensaxería instantánea para a adquisición de diferentes medicamentos cuxa dispensa sen prescrición médica é ilegal.

Ademais da venda directa, crearan programas informáticos destinados a que os propios usuarios elaborasen as receitas, todo iso co obxectivo de automatizar a actividade ilícita e aumentar os seus beneficios.

Esta tipoloxía delituosa resultáballes moi rendible á vez que perigosa, xa que as receitas falsificadas ían dirixidas por unha banda a persoas que as obtiñan para abastecerse de substancias prohibidas ou que non deberían consumirse sen control.

Doutra banda, estas condutas tamén eran aproveitadas para a súa distribución no mercado negro, polo que estarían a contribuír ao tráfico ilícito de medicamentos.

Estrutura xerarquizada liderada por dous homes

Avanzadas as pescudas, os investigadores lograron identificar aos presuntos integrantes da trama criminal, que contaba cunha estrutura piramidal cuxa cúspide estaba liderada por dous homes.

Baixo o seu mando atopábanse os responsables da creación dos programas informáticos así como o 'hackeo' das credenciais dos sanitarios.

Noutro elo inferior atopábanse aqueles que se encargaban do mantemento do software e de todo o soporte informático e, por último, a base da estrutura formábana os propios distribuidores dos medicamentos.

O pasado mes de novembro realizouse un dispositivo que culminou coa detención desas doce persoas e a práctica de oito rexistros en Madrid (1), Torrelavega (1), Ourense (1), Córdoba (1), Alacante (1), Toledo (1), Alcobendas (1) e Ponferrada (1).

Nos rexistros interviñéronse máis de mil pastillas de medicamentos, catorce teléfonos móbiles, máis de 44.000 euros, dispositivos de almacenamento masivo, tarxetas bancarias, armas brancas e réplicas de armas de fogo.

Unha vez postos os detidos ao dispor da autoridade xudicial, decretouse o ingreso en prisión dos dous presuntos líderes da organización. A investigación permanece aberta polo que non se descartan novas detencións. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade