Jessica Bouzas continúa brillando en Montreal
Impúxose á chinesa Zhu en tres sets e xogará os cuartos de final diante da canadense Victoria Mboko
A vilagarciá Jessica Bouzas derrotou no WTA 1.000 de Montreal á chinesa Lin Zhu e clasificouse para os cuartos de final onde se medirá ante a canadense Victoria Mboko. Número 51 do mundo, Bouzas impúxose a Zhu por 7-5, 1-6, 6-2 en 2 horas e 20 minutos. O partido tivo que parar no primeiro set pola choiva.
É a primeira vez que a galega, de só 22 anos, chega a uns cuartos de final dun Másters 1.000 na súa carreira. Viña de pisar os cuartos de final en Wimbledon amosando o seu gran momento de forma. "Foi un partido duro, empecei mal pero logo chegou a parada da choiva. Intentei concentrarme e conseguino. Tiven moitos altos e baixos no encontro", dixo Bouzas na entrevista a pé de pista.
Xogará o pase ás semifinais diante da canadense Victoria Mboko (85 do mundo), que tamén deu a sorpresa eliminando á número 2 do mundo e primeira cabeza de serie en Montreal, a estadounidense Coco Gauff por un contundente 6-1 e 6-4 en só 63 minutos.