Jessica antes da súa estrea en Australia: "Storm ten experiencia, non será fácil"
A de Vilagarcía chega no mellor momento da súa carreira
Storm Hunter vén da fase previa, pero en 2023 foi número 1 en dobres
A estrea de Jessica será na madrugada do domingo ao luns (1:00 hs)
Na madrugada do domingo ao luns, a unha (hora galega), Jessica Bouzas saltará as pistas do Melbourne Park disposta a amosar que está no mellor momento da súa carreira (40 no ránking WTA) e que é capaz de manter o marabilloso nivel que lle levou a derrotar a Coco Gauff hai uns días. A de Vilagarcía aseguraba no micro na CSAG que xa está "completamente adaptada" tanto a vida como ao horario de Australia e "con gañas de empezar".
A súa primeira rival vai ser Storm Hunter, unha veterana do circuíto, australiana, zurda, con revés a dúas mans e máis recoñecida polos seus logros nos dobres. En 2023 chegou a ser número un do ranking na modalidade de parellas. Na actualidade, en individual, ocupa o número 363 do ránking e chegou a esta primeira rolda procedente da fase previa. "Non vai ser doado", aclara Jessica, "ten moita experiencia, moitos anos no circuíto e amais é local, de aquí, así que non será fácil".
O ano pasado Jessica alcanzou a segunda rolda e caeu ante Sabalenka (6-3, 7-5). Para este, o seu primeiro obxectivo é superar esa fase; o que lle permitiría seguir sumando puntos do ránking. Pero, sobre todo, o seu obxectivo principal é o de encontrar "continuidade" no seu mellor xogo, ser capaz de manterse constante ao seu máximo nivel. Ese que, como di ela, "sei que está aÍ".