Publicador de contidos

Publicador de contidos

Italia e Francia enfróntanse por mor da inmigración

Italia e Francia enfróntanse por mor da inmigración

O ministro do Interior francés criticou abertamente a xestión da inmigración por parte de Italia como consecuencia da situación que se vive na cidade fronteiriza de Menton

En resposta, o vicepresidente do Consello de Ministros italiano cancelou unha viaxe a Francia

Inmigrantes nas costas de Italia Inmigrantes nas costas de Italia
G24.gal 04/05/2023 20:01

Italia e Francia volveron este xoves para encerellarse á conta da inmigración tras unhas críticas do ministro francés do Interior Gérald Darmanin, que empuxaron o titular de Exteriores italiano Antonio Tajani a cancelar unha viaxe a París esta tarde en sinal de protesta.

Darmanin, coñecido pola súa animadversión á extrema dereita francesa e á súa líder Marine Le Pen, axitou o Goberno de Giorgia Meloni ao criticar a súa xestión da inmigración, sobre todo pola situación na cidade fronteiriza de Menton (sur), que rexistra unha alta presión de inmigrantes chegados de Italia.

Palabras inaceptables

As súas palabras, destacadas deseguida nos titulares da prensa italiana, indignaron o tamén vicepresidente Tajani, que cancelou un encontro bilateral en París coa súa homóloga Catherine Colonna.

"As ofensas ao Goberno e a Italia pronunciadas por Darmanin son inaceptables. Este non é o espírito co que se deberían afrontar os desafíos europeos comúns", tuiteou o ministro italiano.

Tamén interveu o outro vicepresidente do Goberno, Matteo Salvini, que expresou o seu "orgullo" por ser "amigo" de Le Pen. "Non acepto leccións sobre inmigración de quen devolve a Italia mulleres, nenos e homes, mentres segue acollendo asasinos e terroristas que deberían regresar a Italia",  en alusión á negativa francesa de extraditar algúns antigos membros das Brigadas Vermellas que operaron nos Anos de Chumbo na década de 1980.  

O Ministerio de Exteriores galo tratou de aliviar o incidente diplomático reivindicando por escrito, nun comunicado, o seu desexo de traballar con Roma "cun espírito de solidariedade" para afrontar este "desafío común".

Tensión de antano

As tensións entre París e Roma polos inmigrantes que chegan do norte de África son frecuentes, pero esta vez rexurdiron en plena onda. No que vai de ano desembarcaron nas costas italianas 42.405 persoas, catro veces máis que o ano pasado.

O pasado novembro, dúas semanas despois da chegada ao poder de Meloni, mantiveron un pulso sobre quen debía acoller o barco humanitario Ocean Viking da ONG francesa SOS Méditerranée, con 234 inmigrantes rescatados no Mediterráneo. Italia impediu o seu desembarco na illa de Sicilia e finalmente o 10 de novembro pasado Francia decidiu acollelo "con carácter excepcional" en Tolón.

Con todo, as friccións veñen de antes. No verán de 2016, os xendarmes pecharon o paso fronteirizo, o cal fixo que miles de inmigrantes con destino a Europa quedasen bloqueados en chan italiano, no municipio de Ventimiglia (noroeste).

Outro momento espiñento foi cando en xuño de 2018 o Goberno de Giuseppe Conte, a coalición entre o populistas Movemento Cinco Estrelas (M5S) e a ultradereitista Lega, emprendeu outro pulso cos barcos humanitarios e impediu o seu acceso aos portos.

O caso máis lembrado é o do Aquarius, que tivo que desembarcar os seus 628 inmigrantes en España tras a negativa de Italia e Malta, unha xestión que levou ao propio presidente de Francia Emmanuel Macron a denunciar "o cinismo" e a "irresponsabilidade" de Roma.

A este escenario hai que sumar outros escollos nas relacións transalpinas, como cando en 2019 París chamou a consultas o seu embaixador en Italia, por primeira vez desde a Segunda Guerra Mundial, polo apoio do seu entón vicepresidente e líder do M5S Luigi Dei Maio ao grupo dos "chalecos amarelos".

Con todo, a pesar dos tira e afrouxa destes anos, ambos os países comprometéronse a reforzar as súas relacións coa firma en novembro de 2021 do Tratado do Quirinal.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade