Israel volve atacar Teherán tras ordenar a evacuación de parte da capital iraniana
No leste da capital iraniana notificáronse varias explosións e Israel informa de que atacou unha planta de centrifugadoras nucleares
Irán di que as instalacións nucleares non foron danadas, pero advirte de risco de radiación
O líder supremo de Irán asegura que "non terán contemplacións" con Israel

O Exército israelí volveu bombardear Teherán na madrugada deste mércores por sexto día consecutivo sen que se reportasen vítimas, despois de advertir a poboación iraniana de que evacuara unha parte da capital.
Varios medios notificaron explosións no leste de Teherán, e algunhas fontes afirmaron que foi atacado o sitio de produción de mísiles en Khojir, unha área estreitamente relacionada co programa de defensa iraniano.
As Forzas de Defensa de Israel (FDI) anunciaran horas antes estar "a levar a cabo unha serie de ataques na área de Teherán".
Ademais, o portavoz do Exército israelí para os medios árabes, Avichay Adraee, ordenara a evacuación do Distrito 18 da capital iraniana "para empregados e todas as persoas" situadas na zona.
50 cazas israelís atacan unha planta de centrifugadoras nucleares
O Exército israelí anunciou que atacou durante a noite unha planta de produción de centrifugadoras nucleares e varias instalacións de fabricación de armamento en Teherán.
"O Exército atacou unha instalación utilizada para fabricar centrifugadoras en Teherán, deseñada para permitir ao réxime iraniano acelerar o seu programa de enriquecemento de uranio con fins armamentísticos", sinalou o Exército nun comunicado.
Outra das instalacións destruídas producía mísiles terra-aire destinados a derrubar aeronaves.
Irán di que non foron danadas instalacións nucleares, pero alerta de risco de radiación
O embaixador iraniano ante Nacións Unidas en Xenebra, Ali Bahreini, asegurou este mércores que as súas instalacións nucleares non foron danadas polos ataques de Israel, pero dixo que non pode excluírse o risco de que se produza algunha fuga de radiación que podería causar unha contaminación máis aló das fronteiras de Irán.
Negou que a planta de enriquecemento de uranio de Natanz, no centro de Irán, fose danada de forma importante e dixo que isto puido evitarse grazas ás medidas de precaución que Irán instaurou para protexelas.
É o sexto día consecutivo que Israel bombardea Irán desde que na madrugada do venres pasado lanzou unha extensa ofensiva militar sobre o país persa para evitar que avance no seu programa nuclear.
Os ataques deixaron xa 224 mortos, segundo as cifras oficiais do Goberno persa, aínda que o número total pode ser máis elevado.
A resposta de Irán sobre Israel, que tampouco se detivo nos últimos días, acabou coa vida de 24 persoas.
O ministro de Defensa israelí di que "así é como colapsan as ditaduras"
O ministro israelí de Defensa, Israel Katz, asegurou este mércores que "os símbolos do réxime iraniano" están a ser destruídos e que "así é como colapsan as ditaduras", segundo unha mensaxe no seu perfil na rede social X.
"Un tornado sobrevoa Teherán. Os símbolos do réxime iraniano son bombardeados e destruídos, desde a Autoridade de Radiodifusión ata outros obxectivos, e multitudes de residentes foxen. Así é como caen as ditaduras", asegurou Katz.
Jameneí afirma que non ten “contemplacións” con Israel
O líder supremo de Irán, Ali Jameneí, afirmou este mércores que hai que “actuar con forza” contra Israel, país co que non ten “contemplacións”, mentres a República Islámica lanzou unha nova onda de mísiles contra o Estado xudeu e, á súa vez, Teherán sufría novos bombardeos.
“Hai que actuar con forza fronte ao réxime sionista. Non temos contemplacións cos sionistas”, anunciouse en varias contas de Jamenei en diferentes idiomas en X, entre eles español e hebreo.
A mensaxe da máxima autoridade política e relixiosa da República Islámica produciuse no medio dunha nova onda de ataques contra Israel, está vez con mísiles hipersónicos Fattah.
Presentado en 2023, o proxectil Fattah ten un alcance de 1.400 quilómetros, acada unha velocidade superior á do son (Mach 5) e pode golpear un obxectivo en 336 segundos, segundo medios iranianos.
“Este novo mísil é capaz de burlar todos os sistemas de defensa antimísiles. O seu obxectivo son os sistemas de defensa antimísiles”, afirmaba durante a súa presentación o entón o comandante de Forza Aeroespacial dos Gardiáns da Revolución, o xeneral Amir Ali Hajizadeh, asasinado hai uns días nun ataque israelí.