Israel lanza unha ofensiva terrestre e "selectiva" no Líbano contra posicións de Hezbollah
Segundo o exército hebreo, o obxectivo da operación é o desmantelamento de infraestrutura "terrorista" e a eliminación de combatentes que operan na zona
Trump pídelles a sete países que conformen unha coalición internacional para vixiar o estreito de Ormuz e Kallas di que está fóra do ámbito da OTAN
Ataque israelí contra un centro de saúde no sur do Líbano (REUTERS/Mohammad Yassine)
Israel inicia unha ofensiva terrestre no Líbano cando se cumpren tres semanas de guerra. O exército hebreo anunciou operacións limitadas e selectivas no sur do país contra bastións clave de Hezbollah co obxectivo de desmantelar infraestrutura considerada terrorista, eliminar combatentes e crear unha área de seguridade para os residentes do norte de Israel.
Segundo unha información publicada o sábado polo portal Axios, Israel planea levar a cabo unha invasión masiva no sur do Líbano para acabar coa presenza da milicia xiíta proiraniana.
A ofensiva aérea comezou o pasado 2 de marzo, despois de que Hezbollah lanzara un ataque contra o norte do país en resposta ao asasinato do líder supremo iraniano Ali Khamenei.
Desde entón, o número de mortos ascende xa a máis de 830, o de feridos supera os 2.000 e hai xa case un millóns de desprazados.
O reto, protexer o estreito de Ormuz
O presidente norteamericano Donald Trump asegura que a OTAN se enfronta a un futuro moi malo se os países aliados non prestan a súa axuda para permitir o paso de buques por Ormuz.
O mandatario pediulles xa a sete países, entre eles Australia e O Xapón, que conformen unha coalición internacional para vixiar o estreito, enviando buques de guerra e activos militares para escoltar o paso dos petroleiros.
De momento ningún dos dous países están dispostos a facelo. A China, non aclara se participará ou non nesa coalición internacional e no Reino Unido avisan: "Aínda que a relación cos Estados Unidos é moi boa, isto non quere dicir que teñamos que apoiar cada intervención e cada acción que os Estados Unidos decidan emprender", puntualizou o ministro británico de Traballo.
A alta representante da Unión Europea (UE) para Asuntos Exteriores e Seguridade Kaja Kallas afirmou este luns que o estreito de Ormuz está fóra do ámbito de actuación da OTAN. Así o asegurou á súa chegada ao Consello de Ministros de Exteriores da UE.
Con todo, Kallas apunta que está a abordar opcións coa ONU para garantir a navegabilidade.