Publicador de contidos

Publicador de contidos

Israel bombardea a sede da radiotelevisión pública iraniana nun ataque a Teherán

Israel bombardea a sede da radiotelevisión pública iraniana nun ataque a Teherán

Israel intensifica os ataques sobre Irán: 224 mortos e máis de mil feridos 

Irán pide a evacuación de Tel Aviv ante novos ataques

Irán lanza unha nova onda de mísiles a Israel sen vítimas nin impactos de mísiles

O persoal de emerxencia traballa no lugar do impacto tras un ataque con mísiles en Tel Aviv/Ronen Zvulun/Reuters
G24.gal 16/06/2025 18:24

Un mísil israelí alcanzou os estudos da radiotelevisión pública iraniana (IRIB), situada nun barrio residencial de Teherán, que o Exército israelí ordenou evacuar horas antes.

O momento do ataque quedou capturado en directo mentres unha presentadora de IRIB falaba en directo e a retransmisión ía a negro. A radiotelevisión pública anunciou, pouco despois do ataque, que se retomaría a retransmisión e a presentadora, Sahar Emami, volveu ao estudo.

"Nas próximas horas, as FDI operarán na zona, como o fixeron nos últimos días en toda Teherán, para atacar a infraestrutura militar do réxime iraniano", recolle un comunicado do Exército.

Desde a madrugada do xoves, Israel está a levar a cabo unha campaña masiva de bombardeos contra diferentes puntos de Irán, que xa causaron 224 mortos e máis dun milleiro de feridos, segundo as autoridades iranianas.

O Goberno do primeiro ministro israelí, Benjamín Netanyahu, xustificou o inicio desta ofensiva asegurando que a súa intelixencia tiña constancia de que o réxime iraniano estaba a avanzar no plan para desenvolver unha bomba nuclear.

No lado israelí, os ataques iranianos lanzados no últimos tres días como resposta mataron polo menos 24 persoas. Polo menos oito deles morreron polo impacto dos mísiles balísticos en dous edificios do centro e do norte do país.

Irán advertiu os residentes de Tel Aviv de que evacúen inmediatamente as partes da cidade onde haxa infraestrutura militar ante a posibilidade de novos ataques.

Irán lanza unha nova onda de mísiles a Israel sen vítimas nin impactos de mísiles

Irán lanzou un novo ataque a Israel sen que ningún mísil impactase e sen novas vítimas, máis aló dalgún ferido leve ao buscar refuxio.

"Polo momento, o servizo de emerxencias 101 do MDA non recibiu informes de impactos de mísiles nin de vítimas, máis aló dalgunhas persoas que sufriron feridas leves mentres buscaban refuxio", dixo o servizo de emerxencias israelí nun comunicado.

As forzas armadas iranianas lanzaron novos mísiles a obxectivos israelís. Os sistemas defensivos de Israel puxéronse en funcionamento tras detectar a chegada de novos mísiles e as sirenas antiaéreas soaron no norte do país.

"O Exército identificou mísiles lanzados desde Irán cara ao territorio do Estado de Israel. Os sistemas defensivos están en funcionamento para interceptar a ameaza", informou o Exército israelí.

Con todo, apenas media hora despois, dixo á poboación que xa era seguro abandonar os refuxios e búnkeres, dando a entender que o ataque finalizara.

Peticións para dialogar

As peticións internacionais seguen sendo para rebaixar a tensión. Desde Trump, co seu chamamento no Cume do G7 en Canadá a "falar inmediatamente antes de que sexa demasiado tarde", ata o presidente de Turquía, Recep Tayyip Erdogan, quen ofreceu a Pezeshkian actuar como intermediario con Israel para acabar co conflito.

Desde o sábado pasado, Erdogan falou sobre a escalada de tensión cos líderes de Omán, Kuwait, Iraq, Exipto, Arabia Saudita, Xordania e Paquistán.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade