Os EUA abandonan as negociacións con Irán, pero deixan unha última oferta
O vicepresidente Vance afirma que Teherán non aceptou as liñas vermellas da Casa Branca e que lle trasladou a "oferta final e definitiva"
Os Estados Unidos inician unha operación para retirar minas iranianas no estreito de Ormuz
Netanyahu, mentres os EUA e Irán negocian un acordo de paz: "A campaña non rematou"
Os Estados Unidos e Irán abandonan as negociacións para un acordo de paz, pero non dan por roto o diálogo tras 21 horas de conversas en Islamabad, coa mediación de Paquistán.
JD Vance: "The bad news is that we have not reached an agreement. And I think that's bad news for Iran much more than it's bad news for the US. So, we go back to the US having not come to an agreement ... they have chosen not to accept our terms" pic.twitter.com/uqFnwVT76g
— Aaron Rupar (@atrupar) April 12, 2026
Nunha breve comparencia esta madrugada, o vicepresidente estadounidense J. D. Vance explicou que se levantan da mesa porque Irán non aceptou as liñas vermellas marcadas pola Casa Branca, especialmente no referente ao armamento nuclear.
"Mantivemos varias conversas substanciais cos iranianos. Esa é a boa nova. A mala nova é que non chegamos a un acordo. E creo que iso é moito peor para Irán que para Estados Unidos. (...) Deixamos moi claras as nosas liñas vermellas, pero eles optaron por non aceptar os nosos termos", afirmou Vance.
A pesar da falta de entendemento, Vance subliñou que as conversas foron substanciais e que Estados Unidos deixou enriba da mesa unha “oferta final e definitiva".
"É unha proposta moi simple, que é a dun método de entemento, a mellor e última oferta. Veremos se os iranianos a aceptan, engadiu o número 2 de Trump sen mencionar nada sobre a actual tregua de dúas semanas".
J. D. Vance tamén agradeceu o papel de mediación de Paquistán, clave nunhas negociacións que supoñen o primeiro contacto directo de alto nivel entre ambos países en case 50 anos.
Irán, pola súa banda, atribúe o bloqueo ás esixencias “pouco razoables” de Washington, aínda que confirma que os equipos técnicos seguen traballando nos textos para tentar achegar posturas.
Paquistán pide que continúe o cesamento do fogo
A mediadora Paquistán deu por concluídas este domingo as conversacións de paz, e pediu ás partes en conflito que sigan cumprindo co seu compromiso co cesamento do fogo alcanzado o pasado mércores.
"Esperamos que ambas as partes manteñan un espírito positivo para lograr unha paz duradeira e a prosperidade para toda a rexión e máis aló. É imperativo que as partes sigan cumprindo o seu compromiso co cesamento do fogo", dixo o ministro de Asuntos Exteriores paquistaní, Ishaq Dar, nun comunicado.
Encontro trilateral
Irán e os Estados Unidos iniciaron este sábado en Islamabad o seu primeiro encontro directo nas negociacións de paz tras unha mañá de consultas individuais baixo a mediación de Paquistán.
"As conversas cara a cara entre Irán e os Estados Unidos están en marcha coa mediación de Paquistán. Hoxe por hoxe hai un receso para a oración e, tras a pausa, as conversa renovaranse", confirmou a EFE unha fonte diplomática paquistaní baixo condición de anonimato.
O diplomático non detallou cal foi o contido desta reunión, na que estiveron os altos responsables de ambas as dúas delegacións, encabezadas polo vicepresidente dos EUA, J.D. Vance, e o presidente do Parlamento iraniano, Mohamad Baqer Qalibaf.
Pola súa banda, un alto funcionario da Casa Branca confirmou á prensa que os Estados Unidos, Paquistán e Irán manteñen este sábado "unha reunión trilateral presencial".
Este contacto directo é o de máis alto nivel que se produce dende a Revolución Islámica de 1979, tras unha mañá na que as dúas delegacións se reuniron por separado co primeiro ministro de Paquistán, Shehbaz Sharif.
Condicións de Irán
Segundo a radiotelevisión estatal persa, Irán transmitiulle a Paquistán as súas condicións, entre elas, o control do estreito de Ormuz, a liberación dos activos iranianos bloqueados e un cesamento do fogo que se aplicaría en toda a rexión, incluído o Líbano.
Doutra banda, medios iranianos aseguran que os Estados Unidos accederon a desbloquear parte dos activos conxelados da República Islámica como xesto de boa vontade para avanzar nas negociacións de paz, un extremo negado desde Washington.
Tras unha primeira sesión de case dúas horas, o diálogo pasou dos aspectos xerais á discusión de detalles técnicos coordinados por expertos de ambas as dúas partes, sinalou a axencia iraniana Tasnim.
Aínda que o cume estaba programado para unha soa xornada, fontes diplomáticas non descartan que as conversas se prolonguen ata o domingo para pechar os flocos do acordo.