Publicador de contidos

Publicador de contidos

Irán non cambiará a situación de Ormuz sen un "acordo razoable" dos EUA

Irán non cambiará a situación de Ormuz sen un "acordo razoable" dos EUA

As conversas de paz entre ambas as dúas partes concluíron en Islamabad sen acordo tras 21 horas de negociación

O portavoz da chancelaría persa fala de "demandas excesivas" e "peticións ilegais" durante o diálogo

Vance asegura que deixou en Paquistán unha "última" oferta "moi simple" para Irán: un "acordo de entendemento"

JD Vance antes de abandonar Islamabad. Jacquelyn Martin/Pool vía REUTERS JD Vance antes de abandonar Islamabad. Jacquelyn Martin/Pool vía REUTERS
G24.gal 12/04/2026 08:14 Última actualización 12/04/2026 10:27

Teherán asegurou este domingo que a situación no estreito de Ormuz non vai cambiar a non ser que os Estados Unidos acepten un "acordo razoable", segundo publica a axencia Mehr.

Indicouno unha fonte iraniana informada sobre as conversas de paz entre ambas as dúas partes que concluíron en Islamabad sen acordo, tras 21 horas de negociación.

"Irán non ten présa, e a menos que os EUA acepten un acordo razoable, non haberá cambios na situación do estreito de Ormuz", asegurou.

Ademais, engadiu que polo momento, "non se fixou data nin lugar para unha posible próxima rolda de conversas".

"Irán presentou iniciativas e propostas razoables durante as conversas. Agora correspóndelle aos Estados Unidos abordar os temas con realismo. Así como o Goberno estadounidense errou nos seus cálculos bélicos, polo momento tamén se equivocou nas negociacións".

Así e todo, a axencia Mehr, citando a portavocía do Ministerio de Exteriores iraniano, asegura que chegaron a un "entendemento" en "varios temas" coa delegación estadounidense, encabezada polo vicepresidente, JD Vance.

O problema, subliña, estivo en "dous ou tres cuestións importantes" nas que as posturas foron "moi diverxentes".

"As conversacións non conduciron a un acordo", sentenciou sobre estas negociacións.

O encontro deste sábado foi o contacto cara a cara de maior nivel entre os Estados Unidos e Irán desde que ambos os dous países racharon as súas relacións pola revolución islámica de 1979.

JD Vance con Shehbaz Sharif este sábado. Jacquelyn Martin/Pool vía REUTERS JD Vance con Shehbaz Sharif este sábado. Jacquelyn Martin/Pool vía REUTERS

"Demandas excesivas" e "peticións ilegais"

Durante a madrugada, o portavoz da cahancelaría iraniana, Ismail Bagaei, falou de "demandas excesivas" e "peticións ilegais" durante o diálogo entre as partes.

"O éxito deste proceso diplomático depende da seriedade e boa fe da contraparte, de que se absteñan de demandas excesivas e peticións ilegais, e da aceptación dos dereitos e intereses lexítimos de Irán", escribiu en X.

Na mañá deste domingo, JD Vance afirmou que deixaba Islamabad cunha "última" oferta "moi simple" para Irán: un "acordo de entendemento".

O vicepresidente non quixo entrar en detalles sobre as negociacións nin fixo referencia ao estreito de Ormuz, pero asegurou que o principal escollo foi a falla de compromiso de Irán para non desenvolver unha arma nuclear a longo prazo.

Militares na capital paquistaní. Jacquelyn Martin/Pool vía REUTERS Militares na capital paquistaní. Jacquelyn Martin/Pool vía REUTERS

Cesamento do fogo

Os Estados Unidos e Irán acordaron o pasado mércores un cesamento do fogo de dúas semanas que inclúe como condición a reapertura do estreito de Ormuz, despois de que a vía quedara interrompida no contexto da guerra iniciada por Washington e Tel Aviv o pasado 28 de febreiro.

Este mesmo sábado, o presidente estadounidense, Donald Trump, afirmou que comezara o "proceso de limpeza" de minas na vía marítima, onde circulaba ao redor dunha quinta parte do comercio marítimo mundial de petróleo, e asegurou que pronto reabrirá o estreito.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade