Investigan unha agresión en Lalín, cun ferido por cortes dunha botella rota
A vítima, de 19 anos, estaba nunha festa de aniversario e acabou ingresado con cortes na cabeza
O agresor fuxiu, pero localizárono nunha rúa próxima coa roupa manchada de sangue
Empezaron cantando o "Parabéns para ti" dentro dun local de copas e acabaron diante da porta de mala maneira.
"Había un rapaz que pensei que o bañaran en viño porque estaba dende a cabeza ata os pés e o outro, que supostamente lle deu coa botella, tamén. Despois xa me fixei que era sangue", conta unha das poucas testemuñas.
Non se sabe como empezou a agresión, pero o que saíu peor parado é un mozo de só 19 anos de orixe paraguaia, cliente habitual do bar, e un dos convidados á festa de aniversario.
"Cortes porque foi cunha botella de vidro, ao parecer, polo que os cortes son bastantes profundos e, polo que se ve aí no sangue, considerables". "Desmaiouse un pouco porque perdeu moito sangue" .
Atendérono primeiro no centro de saúde e despois no Clínico de Santiago. Do suposto agresor pouco se sabe. Nin era cliente nin tampouco estaba na festa.
Fuxiu, pero por pouco tempo, porque a Garda Civil localizouno nunha rúa próxima, coa roupa manchada de sangue.
"Arrancou para baixo el só e despois un rapaz dicíalle á Garda Civil: 'Está alá abaixo, está alá"; "O agresor é un pouco máis vello e, ao parecer, rompeu a botella e doulle ao outro na cabeza".
Un golpe que puido resultar fatal e do que, aínda hoxe, quedan restos na beirarrúa. É o que máis abraiada ten a veciñanza.
"Estaba o rodamento, as cadeiras, o chan, o sangue chegaba alá abaixo, todo un regueiro ata os colectores. Parecía unha matanza de porcos".
A rúa Alcalde Ferreiro está no centro de Lalín, nunha zona, polo menos ata o de agora, tranquila.
"Esta zona é supertranquila. O único bar que abre de noite é este"; "Ata hai pouco era unha rúa tranquila pero dende a apertura do local este, pechan bastante tarde, hai bastante barullo e vese máis trasfega da que estabamos acostumados".
A vítima recibiu a alta ás poucas horas, pero, de momento, non presentou denuncia na Garda Civil.