Investigan con xurros porcinos para facer compostaxe
Na procura de fertilizantes naturais, desenvólvese na comarca de Monterrei un proxecto pioneiro que combina os xurros gandeiros con residuos forestais
Están probando a súa eficacia en plantacións de oliveira, vides e pistachos
Aproveitando a balsa de decantación dunha antiga mina de volframio, os promotores do proxecto construíron depósitos en que producir o compost. Na mestura interveñen dous tipos de residuos: os forestais, biomasa do monte comunal de Vences, e os xurros porcinos.
Adolfo López, Departamento de Produción Vexetal da USC-Lugo: "O xurro achega basicamente nutrientes. É a parte material facilmente degradable, con nutrientes que alimenten os microorganismos que están descompoñendo esa materia orgánica".
O seguinte paso é probar o fertilizante sobre o terreo. Vano testar en zonas de cultivo, coma unha plantación de oliveira e outras de vides e de pistachos e tamén en terreos degradados: "Solos degradados por incendios forestais, por cortas a matarrasa ou por movementos de terra para arranxos de camiños ou así", explica Ana María Pérez, asesora agrícola de Seica Seo, a promotora do proxecto.
Investigadores das universidades de Vigo e Santiago, que colaboran no proxecto, desprazáronse a Monterrei para tomaren mostras. Analizarán a composición do solo no inicio para ir vendo a súa evolución co compost e valorar a eficacia destes fertilizantes naturais, como alternativa aos químicos.
Juan Carlos Nóvoa Muñoz, investigador de Ciencias no Campus de Ourense: "Reducir a cantidade de fertilizantes comerciais que se poderían empregar neste tipo de cultivos e tirar a unha economía máis sustentable. Tamén lles damos unha segunda vida a residuos que se desbotan, ás veces, con problemas ambientais graves, coma no caso dos xurros".
É un proxecto a tres anos, e está na fase intermedia. Para o ano veremos os resultados.