Investigan a influencia da covid na mortalidade cando hai outra patoloxía de base
A maioría dos falecidos en Galicia son persoas maiores con varias enfermidades
Xa está demostrado que altera o prognóstico de doentes cirúrxicos e de algúns cancros
A maioría das persoas que falecen agora cun diagnóstico de covid sufrían unha ou varias patoloxías graves. En Galicia, coa poboación moi envellecida moitos eran persoas maiores.
A ciencia estuda ata que punto infllúe o coronavirus na mortalidade da patoloxía de base. Xa se sabe que a infección altera o prognóstico do paciente cirúrxico e dalgúns tipos de cancro.
"Cando temos un estado de vulnerabilidade como o caso das persoas maiores que adoitan ser pluripatoloxías contraer unha enfemidade infecciosa como a covid pode alterar a evolución da outra patoloxía de base. Isto non é idiosincrásico da covid, xa o falabamos coa gripe", asegura a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán.
A sexta vaga tocou teito hai varias semanas pero a caída dos contaxios non está sendo abrupta como en países aos que chegou antes.
"Iso non se está producindo nin en Galicia nin noutras comunidades que levaban a dianteira. Pero é un descenso sostido e isto é unha boa noticia desde o punto de vista epidemiolóxico", afirma Carme Durán.
Unha recuperación lenta pero estable que grazas aos elevados niveis de vacinación non están tendo a repercusión na presión hospitalaria das vagas anteriores.