Publicador de contidos
Publicador de contidos

Detido polo asasinato dun neno de dous anos nun posible caso de violencia vicaria en Linares

Detido polo asasinato dun neno de dous anos nun posible caso de violencia vicaria en Linares

O irmán xemelgo da vítima resultou ferido e foi trasladado ao hospital

A nai declara que se atopou coa escena ao chegar de traballar, cando pediu axuda

A morte do cativo puido deberse a un traumatismo cranioencefálico tras recibir unha brutal malleira

O detido saíu de prisión hai 4 meses

G24.gal 28/11/2024 17:49 Última actualización 28/11/2024 19:50

Investigan en Linares (Xaén) a morte violenta dun neno de dous anos e deteñen un home duns 30 anos como presunto autor. Segundo a Delegación do Goberno contra a Violencia de Xénero, está a investigarse como un suposto caso de violencia vicaria.

Fontes próximas á investigación informaron a EFE de que a morte do cativo debeuse a un traumatismo cranioencefálico tras recibir unha brutal malleira, ao parecer, da parella da súa nai. O home, con numerosos antecedentes policiais, saiu de prisión hai catro meses.

Tamén foi ferido o irmán xemelgo do falecido, que foi trasladado ao Hospital San Agustín de Linares e que tamén presenta lesións aínda que non se teme pola súa vida, segundo informou a Policía Nacional. Ambos os dous cumpriran dous anos este mércores.

Foi sobre as 14:30 horas cando se alertou ao 061 de que había un menor aparentemente falecido de forma violenta nunha vivenda situada no número 58 da rúa Áurea Galindo, en Linares.

Foron os veciños os que alertaron do ocorrido. Cando chegou o 061 xa había axentes da Policía Nacional intentando reanimar ao menor. Os equipos médicos fixéronse cargo do neno, pero tras media hora de manobras de reanimación certificaron a súa morte.

O xuíz acudiuse no domicilio familiar á primeira hora da tarde para ordenar o levantamento do cadáver, que foi trasladado ao instituto anatómico forense para practicarlle a autopsia.

Esta será a que determine a causa da morte, pero as primeiras conclusións apuntan a que o menor falecido presentaba innumerables golpes e ata marcas de dentadas. O irmán do menor falecido tamén presenta lesións por golpes.

Polo momento, e máis aló da mensaxe apuntada nas redes sociais pola Delegación do Goberno contra a Violencia de Xénero, a investigación segue aberta a fin de esclarecer o acontecido. En caso de confirmarse que o crime fose violencia vicaria, sería o noveno menor asasinado por este motivo este ano

A nai declarou inicialmente que cando chegou de traballar á casa atopouse coa escena e pediu axuda. A súa parella, que non é o pai dos menores, negou inicialmente a súa autoría no momento da detención.

Tres días de loito oficial

O Concello de Linares decretou tres días de loito oficial e convocou para este venres, as 11, un minuto de silencio.

“Desde o Concello de Linares lamentamos profundamente esta morte violenta, mostramos nosa máis enérxica repulsa a este suceso e trasladamos o noso máis sentido pésame e apoio aos familiares do menor nestes momentos de dor”.

Os tres días de loito oficial estenderanse os días 29 e 30 de novembro e 1 de decembro, e durante ese tempo, as bandeiras exteriores de Linares ondearán a medio mastro nos edificios municipais e as interiores portarán un crespón negro como símbolo de loito no municipio.

Ademais quedan suspendidos todos os actos oficiais organizados polo Concello de Linares.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade