Investigan a aparición dun vertedoiro ilegal en Salvaterra de Miño
Os veciños acharon pneumáticos acumulados, material de construción, restos de uralita e outros trebellos contaminantes
O vertedoiro locarizárono nun camiño lindeiro á autovía A-55 na parroquia de Leirado, en Salvaterra de Miño. É un terreo de dominio público que non é un lugar de paso moi frecuentado, porén foron veciños da zona os que alertaron da presenza do vertedoiro ilegal.
Apareceron pneumáticos acumulados, material de construción, restos de uralita e outros trebellos. Materiais altamente contaminantes que poden favorecer a aparición de pragas, incrementar o risco de incendio ou liberar substancias tóxicas ao solo.
Nas últimas horas o Concello comezou a retirada das verteduras tras a denuncia presentada pola Asociación Lazoiro que lamentou este tipo de accións que poñen en risco a saúde da veciñanza e a biodiversidade da zona danando a imaxe que Salvaterra proxecta. Haberá que investigar agora a autoría do vertedoiro para aplicar as sancións correspondentes.