Investigan a aparición de dúas persoas falecidas nun vehículo queimado en Campo Lameiro
O achado produciuse nunha paraxe apartada do lugar de Caneda e foron uns veciños que paseaban pola zona os que deron o aviso
Cando foron achados un dos corpos estaba no interior do vehículo e o outro no exterior, na cuneta
Continúan as investigacións, con todas as hipóteses abertas
A Garda Civil investiga a aparición de dúas persoas falecidas no interior dun vehículo calcinado no municipio pontevedrés de Campo Lameiro.
O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, informou que o achado se produciu sobre as 12.00 horas deste sábado nunha paraxe apartada do lugar de Caneda e foron uns veciños que paseaban pola zona os que deron o aviso ás autoridades.
Losada explicou que a identificación dos cadáveres deberá realizarse pola proba de ADN, dado o "nivel de deterioración". A Garda civil investiga os feitos e todas as hipóteses permanecen abertas.
"Agora, é o momento para deixar traballar aos axentes da Garda Civil e non facer especulacións que poidan comprometer a investigación", apuntou Abel Losada.
A xuiza autorizou o levantamento dos cadáveres sobre as cinco da tarde. A policía científica da garda civil traballa na zona para recopilar todas as pegadas que permitan averiguar as circunstancias deste suceso. Todas as hipóteses, xa que logo, están abertas.
Os axentes non permiten o acceso dos reporteiros gráficos ata onde está o vehículo para que non trascenda ningún dato que poida identificalo mentras non se averigüe a identidade dos mortos e llelo notifiquen ás súas familias.
Dos poucos datos que trascenderon sí se sabe que se trata dun home e dunha muller. O corpo dela estaba totalmente calcinado e o del tiña queimaduras parciais. O estado dos cadáveres dificulta a súa identificación, labor para o que será preciso un exhaustivo análise do adn.
Despois do sobresalto, entre os habitantes da contorna inzan as dúbidas sobre o acontecido.
O alcalde de Campo Lameiro, Carlos Costa, adiantou que se trata dunha parella que "non é do municipio" e que cando foron achados un dos corpos estaba no interior do vehículo e o outro no exterior, na cuneta.