"Só quería que alguén o escoitase", o último caso do negociador da Garda Civil en Galicia
Actuou fronte a un home que estaba atrincheirado despois de disparar contra a súa veciña
A intervención do negociador consiste en "escoitar sen xulgar"
Nunha casa de Gondomar tivo a súa última intervención fronte a un home atrincheirado cunha arma, despois de disparar a unha veciña, e sen nada que perder. Foron precisas catro horas de conversa.
"Esa persoa díxome varias veces que ninguén o escoitaba, que tiña problemas coas autoridades, cos veciños pero que ninguén lle preguntara que lle pasaba", explica o Comandante Tomás, negociador e xefe da Policía Xudicial e Información da Garda Civil de Pontevedra.
As claves son pura filosofía de vida, válidas para unha conversa cun amigo.
"Ter paciencia, empatía, saber escoitar, non xulgar e é moi importante que o negociador non minta para crear un clima de confianza e que, neste caso, a persoa se entregue e entregue a arma", engade o negociador de Pontevedra.
Empatía, confianza e ganchos.
"Ganchos que serven para manter a conversación. Quen é a persoa, quen son seus pais, onde traballa, que lle pasa... En Gondomar, o home non quería falar con ninguén pero gustábanlle as plantas e nun momento dado faleille de xardinería. Aí consegues que se relaxe e créase un clima de confianza", lembra o comandante Tomás.
Acabaron fundidos nun abrazo e a soidade dese home tocoulle o corazón.
"Un momento moi emotivo porque era unha persoa que só precisaba ser escoitada. Certo que ten problemas mentais pero, despois de tres horas e media, púidenme facer cargo da situación. É unha persoa con poucos recursos, sen ningún tipo de apoios, que só ten problemas...", empatiza o xefe da Policía Xudicial e Información da Garda Civil de Pontevedra.
O negociador actúa en situacións duras a nivel laboral e tamén persoal. En Baiona, a poucos metros e segundos dun suicidio, pasou medo.
"Tiven medo de presenciar un suicidio en directo. Cando cheguei a persoa xa non quería falar con ninguén, comigo tampouco. Dicía que salto, que salto. Vino moi preto do borde, suando e con moitos nervios. Tiven que traballar sabendo que en calquera momento me podía quedar o recordo dunha persoa saltando ao baleiro e quedando aí tirada na estrada", confesa o negociador.
A voz calmada e a personalidade tranquila axudan no éxito. As catro actuacións que fixo en Galicia resolvéronse polas boas, sen uso da forza, cun suspiro de alivio e co abrazo de quen se regala unha segunda oportunidade.