Investigadores galegos tratan de aplicar a terapia CAR-T a tumores sólidos
O proxecto CAR-TSol, coordinado pola Universidade de Santiago, conta con case un millón de euros de financiamento do Ministerio de Ciencia e Innovación
Busca salvar as barreiras que a inmunoterapia actual ten para chegar a tumores en órganos e tecidos co deseño de cápsulas biocompatibles
A terapia CAR-T, que está a revolucionar o tratamento do cancro e demostra resultados esperanzadores nos hematolóxicos, conta con máis dificultades para chegar aos tumores sólidos.
E precisamente un equipo multidisciplinar da USC con físicos, bioquímicos, biólogos, farmacéuticos ou médicos trata de que se poida aplicar este tratamento a estes tumores con éxito. O coordinador da investigación, o profesor José Rivas, explicaba no espazo Bos Días da TVG en que consiste o proxecto.
"A terapia con CAR-T é novidosa, baséase en coller do sangue do propio paciente uns linfocitos chamados T que son adestrados para recoñecer antíxenos dun cancro concreto e atacalo. Son os fármacos que atacan un cancro determinado. Houbo xa razoables éxitos en cancros líquidos, como son os do sangue, máis non en tumores sólidos, porque estas células non penetran o suficiente ata onde está a tumor", explica Xosé Rivas.
O traballo do proxecto CARTsol de tres anos consiste en estender a inmunoterapia a máis cancros con garantías de seguridade e de éxito. O físico galego utiliza a metáfora do cabalo de Troia, que logrou rematar co asedio de Troia grazas a que os gregos construíron un cabalo que levaba no ventre os soldados.
"A idea ambiciosa da investigación é esa. Realizar unas cápsulas dun milímetro de diámetro, biocompatibles, dun polímero que se degrada e ademais poroso, co que podemos controlar a saída na contorna onde se queren aplicar as células CAR-T. As cápsulas biocompatibles teñen uns toros que van albergar esos CAR-T dentro e levarán outros elementos nun cóctel para ser inxectados xusto onde está o tumor empezando a saír", informa o físico da USC.
A inmunoterapia é a chave con outros elementos combinados. Por medio da nanotecnoloxía introdúcese nas cápsulas partículas de magnetita, que se usa na clínica para facer resonancias de imaxe. Permite "ver a traxectoria que seguen as células e o que pasa aí dentro e como evoluciona o combate contra o tumor. Tamén, como é sensible á calor, se quedan residuos que non foron combatidos e se precisa unha pequena radiación para limpar por completo", asegura José Rivas.
Nas investigacións coordinadas desde Galicia participan equipos de Salamanca e de Navarra. Para comprobar a eficacia dun tratamento que
"trata de bombardear unha zona de guerra tras desactivar as defensas antiáreas", usando un símil bélico.
A investigación comeza con modelos de rato con cancro de mama.
"É ben coñecido, un cancro relativamente superficial e diríamos "fácil" de inxectar nun tumor concreto. Nun de pulmón ou colonorrectal, por exemplo, é moito máis complexo. Estamos nunha proba de concepto para ver se o que propoñemos é viable ou non. Ten que ter a suficiente seguridade e eficacia que se pide nos tratamento clínicos. A inmunoterapia no cancro de mama podería supoñer un gran beneficio", informa o físico galego.
Nun futuro, se prospera a vía de investigación poderían comezar as fases clínicas, ou sexa, probas con humanos.
As cápsulas poderían realizarse en Galicia para o que o Sergas conta coa empresa pública Galaria, preparada para producir xa a escala a nivel clínico este tipo de células. Así Galicia estaría preparada para liderar todo o ciclo de desenvolvemento e produción se os resultados teñen o éxito agardado.
"A presenza das cápsulas non supón un custo adicional importante ligado ao custo da técnica CAR-T, que é onde realmente está. Supón, iso si, un valor adicional importante, ante unha terapia de por si cara" asegura Xosé Rivas.