Investigadores da USC identifican en Moaña un mineral inédito que denominaron ermeloíta
Chamáronlle así en honor ao lugar onde foi descuberto, o monte Ermelo
A ermeloíta é un fosfato de aluminio monohidrato, do grupo da kieserita

Descubrimento inédito en Moaña. Investigadores da Universidade de Santiago de Compostela identificaron neste concello un mineral ata agora descoñecido que denominaron ermeloíta.
Chamáronlle así en honor ao lugar onde foi descuberto, o monte Ermelo. As primeiras análises de difracción de raios X de policristal e monocristal, realizadas polos técnicos da Unidade de Raios X Inés Fernández Cereijo e Guillermo Zaragoza Vérez, revelaron que este mineral non se atopaba rexistrado en ningunha base de datos internacional e que se trata, por tanto, dun achado de dimensión mundial.
Segundo sinala o responsable da Unidade de Arqueometría e Caracterización de Materiais da USC Óscar Lantes, "en Galicia descubríronse, ao longo da historia, tres minerais", a morenosita, a cervantita e a bolivarita, todos eles achados na metade do século XIX. A ermeloíta pasa a ser o cuarto mineral descuberto en Galicia e xa está oficialmente recoñecido pola Asociación Internacional de Mineroloxía como nova especie cuxa localidade tipo é o Monte Ermelo e o exemplar tipo o analizado na USC.
Tras o achado e baixo a sospeita de que se tratase dun novo mineral, o equipo completou as análises con técnicas calorimétricas, espectrometría de fluorescencia de raios X, espectroscopia Raman ou análises Rietveld entre outras. Realizouse tamén unha análise complementaria de elementos químicos en colaboración cos investigadores José González del Tánago e Ramón Jiménez Martínez, da Universidade Complutense de Madrid e do Centro Nacional Instituto Xeolóxico e Mineiro de España-CSIC, respectivamente.
"Este descubrimento ten repercusións históricas por seren tan poucos os minerais que se descubriron desde Galicia e reforza a importancia que teñen as investigacións sistemáticas realizadas no campo da mineraloxía, en especial no contexto xeopolítico actual en que a necesidade de materias primas estratéxicas é crítica", engadiu Lantes Suárez.
O fragmento atopado é pequeno, así que resulta complicado inferir posibles aplicacións industriais ou tecnolóxicas, aínda que non se descarta que a partir deste descubrimento sexa posible identificar esta especie mineral en ambientes similares noutras formacións xeolóxicas no mundo. A aparencia do mineral é masiva, microgranular e de ton case branco. A ermeloíta é un fosfato de aluminio monohidrato, do grupo da kieserita.