Investigado por circular en sentido contrario na AG-64 e superar a taxa de alcol
A Benemérita activou un protocolo para adoptar as "medidas de seguridade previstas para este tipo de situacións de alto risco", coordinado coa Dirección Xeral de Tráfico
A Garda Civil investigou un condutor por circular en sentido contrario pola AG-64 e superar a taxa máxima de alcol legalmente establecida, e agradeceu a colaboración cidadá para localizar o infractor, que percorría a vía na noite do pasado venres.
Nun comunicado, o Instituto Armado sinalou este luns que senllos avisos ao 112 Galicia alertaron destes feitos, acontecidos á altura do quilómetro 36 da vía, ao seu paso polas Pontes, zona en que o vehículo circulaba en dirección Ferrol polos carrís reservados para o traxecto a Vilalba (Lugo).
A Benemérita activou un protocolo para adoptar as "medidas de seguridade previstas para este tipo de situacións de alto risco", coordinado coa Dirección Xeral de Tráfico e encamiñado a "advertir os usuarios da vía e evitar unha posible colisión cos que circulaban correctamente".
O coche foi interceptado tras sufrir unha saída de vía na contorna do polígono pontés de Penapurreira, á altura do punto quilométrico 31, e o condutor presentaba "síntomas evidentes de atoparse baixo a influencia de bebidas alcohólicas", sostivo a Garda Civil, que confirmou posteriormente "resultados superiores á taxa máxima".
Axentes do corpo de seguridade de Ferrol e de Santiago de Compostela acudiron ao lugar para restablecer a normalidade no tráfico e instruír as correspondentes dilixencias, polas que se investiga esta persoa por dous presuntos delitos contra a seguridade viaria, relativos a circular en dirección contraria e baixo o efecto do alcol.