Inventa un galiñeiro intelixente que abre, pecha e dá de comer aos animais
Fixo tres versións, a última é un sistema autónomo completo
O seu soño é que a súa aldea sexa algún día a mellor aldea intelixente de Europa
Foi aló pola pandemia cando Manuel veu vivir ao rural coa súa muller e decidiu criar pitas para producir ovos ecolóxicos. O seguinte paso era buscar o xeito de que o traballo fose algo máis doado, e aí saíu o seu espírito de inventor.
"Hai que abrirlles e pecharlles todos os días e darlles de comer; dixen: abrirlles e pecharlles é o peor. Aí deseñei unha porta para o galiñeiro automática. Abre coa primeira luz do día e pecha coa última luz do día", explica Manuel Eirín, inventor do galiñeiro intelixente.
A porta definitiva chegou despois de sete intentos. En canto á comida, algo había que facer porque os paxaros acababan co penso que lles deixaba nos comedeiros. E esta foi a solución, un temporizador abre e pecha o recipiente. Fixo tres versións, a última é un sistema autónomo completo.
"Con este sistema eu téñolles tres menús, tres comidas ao día, cinco minutos de cada vez. Con quince minutos ao día de alimentación, o resto cómeno na leira. Vai colgada nun trípode que podemos cambiar a calquera punto da leira para facer que as galiñas poidan desprazarse aos sitios por un reclamo acústico, neste caso a muiñeira de Chantada. Detectei que é a música que máis lles gusta e púxenlles de todo, pero son galiñas galegas, nótase. Vólvense tolas cando sona a música".
E na procura de máis solucións deu con outra ben sorprendente.
"A galiña é un animal que se sobresalta por calquera cousa, de feito teño observado que cando se levantan pola mañá diríxense ao poleiro, e eu digo: van poñer. E non, escoitan alí un anaquiño, gústalles Beethoven".
As melloras van chegando tras moitas probas, que as houbo, tamén coa música. Agora o proxecto está xa rematado, di que lle gustaría que chegase o maior número de xente posible. Un pequeno paso para facer realidade o seu soño, que non é outro que facer da súa aldea algún día a mellor aldea intelixente de Europa.